As cancións facturadas polas bandas de Carlos Rego, tanto baixo a denominación actual como a anterior Cosecha Roja, son sinónimo de bo pop rock atemporal e reflexións vernizadas en melancolía. Como xa amosaron en “Ni una sombra en el horizonte” (Rock Indiana, 2005) e o magnífico “Clic” con Magín Blanco (PAI, 08), os froitos do seu local de ensaio funcionan porque actúan segundo os parámetros dunhas referencias claras e asentadas.
No musical, o pop-rock americano (Wilco, Dream Syndicate, Neil Young, Television …) actúa coma a base do menú, coas guitarras que levan o protagonismo e se acompañan dunha sólida sección rítmica e ben acaídas achegas nos teclados. Até aquí poderiamos estar a falar de máis bandas, pero os notables textos de Carlos Rego seguen a marcar unha clara diferencia coa media. Nestas 8 pezas conserva a lucidez para falar do paso dos anos e transmitir nostalxia coa dose xusta de intimismo e credibilidade.
Se pensas que se pode acadar a beleza nunha canción sobre cousas persoais coas que identificarse, gozarás das magníficas “Stormy weather (pt. III)”, “El Rey de los Veranos vs. El Capitán Invierno” ou “Toda la verdad sobre los Reyes Magos”. Como corte agochado e saíndose do predominio dos medios tempos, unha urxente “Necesito respirar” a mellor gloria de Steve Wynn. Como bos melómanos, editan en vinilo coa tenda da súa cidade, Peggy Records, Rock Indiana e Quequeres edicións.
Pepe Cunha, 02-maio-2012