Budiño “Branca vela”

Abril 17, 2024

Tras meses desde a publicación nas plataformas dixitais chega a edición física do último traballo de Budiño. Se cadra as mentes despistadas dirían “o gaiteiro Budiño”, pero de teren afinado máis o ouvido nos sete álbums anteriores non dubidarían que estamos ante un músico completo, total. O anterior “Fulgor” foi o paso máis complexo cara a fóra, para rachar cos clichés, principalmente porque o instrumento que nolo deu a coñecer cedeu espazo á voz e á guitarra. Agora semella que se recoloca, que se reequilibra e entrega un traballo tan diverso como sólido, acorde cun universo musical aberto. Ademais, non desmerece, senón que achega elegancia, nesta escena actual inzada polos sons tradicionais con electrónica.

As nove cancións e o instrumental final “Move” conforman un disco luminoso, colorido, que se escoita de principio a fin e por momentos se baila. As gaita, frauta, percusión tradicional ou voz conviven con programacións electrónicas nun traballo minucioso de produción que volve reafirmar o músico e compositor que é Xosé Manuel Budiño. O Coro de Ruada, a través dunha gravación de 1929, abre en “Donón” unha lista de invitados e colaboracións que funcionan, que non son un simple gancho para crear interese e van cara un disco case coral: as Leilía en “Branca vela”, o dúo con Guadi Galego en “O tolo de abril” (letra de Manuel Rivas), De Vacas en “Fonte de namorar”, Tania Caamaño en “Romaría do Caravel”, Diego Cabaleiro na mencionada “Serán de Niñóns”, a letra de Antía Otero en “Tren Hotel” con voz en off de Uxía e os coros de Libeliñas e Tarandeiras de Xacarandaina para unha peza infantil como “Un dragón de pé”.

Se non era moi optimista coas expectativas que me causara “Muiñeira da lúa”, adianto do disco hai moito tempo, o resultado final si me convenceu. Daquela pareceume que xusto cando con “Fulgor” abandoaba un chisco a música de raíz o público pedíaa mesturada con electrónica e el quedaba descolocado. Afortunadamente, pezas como “Serán de Niñóns” fanlle máis xustiza, atrapan sen dúbida e agradecen as escoitas. Tivemos tempo para asimilar este novo traballo e unha escusa perfecta para volver a el é a estupenda edición física argallada por Ana Zon, a mesma artista da reedición do mítico “Paralaia”. Podedes facervos co CD nun concerto de “Branca vela”, ben recomendábel tamén.

Pepe Cunha, 17-abril-2024

Facebook