Budiño

Novembro 06, 2014

Tras o recomendabilísimo CD-DVD de gravacións ao vivo “Volta” (2010), chega o quinto álbum de estudio do moañés Xosé Manuel Budiño, que retoma a colaboración co selo discográfico DoFol. Este “Sotaque” pódese entender como a plasmación máis madurada da personalidade musical dun instrumentista e compositor que convence polo mundo adiante mesturando tradición e contemporaneidade. A súa formación tradicional e a posterior exploración e colaboración con músicos de diferentes sonoridades dá coma resultado unha linguaxe musical de seu, un “Sotaque” propio.

“Nubeiros e Tronantes” xa presenta o seu recoñecido virtuosismo con gaitas e flautas, mais tamén o bo gusto para elixir as programacións e “os seus músicos” (Carlos Castro, Alfonso Merino e Chisco) nas percusións, pandeiras, castañolas e cordas. “Hoxe canto en Libertá” abre as composicións que presenta con amigos que vai facendo polo mundo adiante: Paulo Borges (co-produtor do álbum) nos pianos e sintetizadores e Luis Tosar poñendo a voz á altura dos sempre potentes versos de Celso Emilio Ferreiro. “Danza das Bateas” é ese medio tempo marca da casa que engaiola coa flauta e precisamente deseguido a flauta de Michael McGoldrick é a que se enfronta nas alturas coa gaita na peza homónima do álbum.

Na metade do disco chega un dos momentos rechamantes: o seu compañeiro no espectáculo iLalelo Carlos Blanco asina a letra de “Déixame adiviñar”, cantada por unha das sensacións dos últimos anos en Portugal, o alentexano António Zambujo. Os confortables colchóns de programacións neste caso acomodan o exquisito traballo de Borges nas teclas e a frauta de Budiño, como tamén acontece na balada instrumental “Soños”. Xa apelando máis ao baile, en “Serán das Maias” e “Chal Indiano” é o violín de Merino quen acompaña a frauta.

Para completar o repaso e procurando a gaita, citamos dous puntos estremos do disco: o toque máis tradicional protagonizado polas voces e pandeiretas dos Cantareiros de O Afiadeiro, espectaculares en “Riamonte”, e o peche con “Bica na Baiúca” que lembra eses momentos máis “modernamente” bailables (ao Afro Celt Sound System) daquel mítico debut “Paralaia” que debería reeditarse dunha vez. Pódeche gustar máis este Budiño ou aqueloutro, pero só os descoñecedores poden dicir que non lles gusta Budiño, porque Budiños hai moitos e están neste “Sotaque”.

Pepe Cunha, 29-abril-2013

AXENDA

Facebook