Hai oito anos comentabamos o quinto disco deste murciano afincado en Barcelona, “Asuntos pendientes”, e desde entón vemos que seguiu na sombra, afianzando un xeito de escribir cancións solventes e talvez desesperanzado de maior recoñecemento. Ese que nalgún momento foi chegando a compañeir@s desa escena do rock de autor en castelán. A estas alturas xa ten máis que asumida esta carreira de fondo onde a constancia e o traballo son as condicionantes que el pode controlar. A aposta dalgún gurú ou a moda quedan ao marxe nestes tempos duros de risco cero.
Esta colección de son cru, e na que o propio Breis toca todos instrumentos, amosa un inicio notábel, in crescendo, que se chama “Nuestro antiguo café” e pecha con outra das mellores cancións e talvez a máis elegante: “Mi próxima canción”. esa “que tendrá el sabor del dolor y la pasión del que no tiene ya nada que perder”. Entre elas, esperábeis influencias de rock norteamericano no sonoro (Petty, Waits, Dylan, Mark E. Everett, Wilco, Josh Rous …) e de letristas en castelán (Calamaro, Antonio Vega, e tamén algún máis recente como Antonio Luque). Hai rock and roll contido dese que aperta os dentes con letras confesionais como “Puede ser”, “Todo siempre es personal” ou “Tal para cual”, unha “Hay que parar” onde fai referencia a unha das parellas en Fleetwood Mac, “Septiembre” lembra o rock tinguido de blues duns Doors … e a novidade dun tema en catalán: “Nit de San Joan” de Nando Caballero, único invitado á voz
Unha vez escoitado un aĺbum que gaña coas escoitas entendemos máis as liñas no digipack: “ON encendido, activo, en marcha, ardiendo, atento, vigilante, en alerta, dispuesto, preparado, a pecho descubierto, si quieres, rugiendo, al 11, en aviso, mi vida, estoy, estaré, seguiré …”. Son verbas que xuntas podemos entender como a firmeza da súa actitude, o son de guitarras que coquetean coa distorsión e o feedback, a súa sinceridade, a espera de que un novo ouvinte se achegue a el … Se gustas dos Quique González, Luis Ramiro, Manolo Tarancón, Fabián, Alfredo González … proba.
Pepe Cunha, 10-marzo-2020