Breis “Asuntos pendientes”

Abril 20, 2012

Goza de boa saúde o rock de autor en castelán, ese cuxas influencias poden ir de Antonio Vega a Quique González pasando por Lapido. Polo menos iso podemos afirmar se termos en conta os bos traballos editados nos últimos anos por xente como Alfredo González, Fabián, Manolo Tarancón, … e tamén Manolo Breis, que presenta agora este seu quinto álbum. En 2004 debutara con “24H” no selo Perdición e recibindo boa acollida da crítica. Oito anos despois segue loitando, como os mencionados, contra a escasa repercusión mediática, pero sen deixar de construír boas cancións. Eses minutiños que combinen un texto propio, sincero e persoal, cunha sonoridade asimilada de Wilco, Ryan Adams, Tom Petty, Bruce Springsteen e demais referentes do folk e rock norteamericano.

No musical, a principal novidade deste traballo é o cambio producido ao entrar en contacto co selo La Poduktiva e o guitarrista Miguel Zanón (Juan Zarppa). Este encargouse da produción e dotou ás composicións de Breis dun consistente son de banda. Nesta, o propio Breis tamén se encarga das guitarras e a harmónica, completándose a formación con Joan Claver no baixo e teclados e Xavi Moreno á batería. Xa nas primeiras “Asuntos pendientes” e “Estoy que salto” lembramos, sen ir máis lonxe, o Quique González de “Personal” e co avance das diferentes cancións seguimos a degustar ese rock and roll ben macerado (“Payasos de cartón” é outra boa mostra), pero tamén percibimos achegamentos ao country ou o folk como en “Anoche e “Días de verano”, así como contidas balada de ruptura tan notables como “Hasta el final” ou “La vida”.

Nos textos, reflexións sobre vivencias persoais, conflictos sentimentais e vitais en xeral, esas pequenas grandes cousas que necesitan repouso ou asimilación. Todo un cúmulo de “asuntos pendientes” que poden ser exorcizados por medio dunhas cancións que Breis compón con personalidade, esa que revela en “Volvamos a empezar”, onde reafirma un estilo de seu, ese ser un mesmo: “Mi forma de hablar, mi cadencia al frasear, no es que sea gran cosa pero es mi forma de encarar”. Así son, letras directas que atrapan sen artificios nin pose, que non devecen por ser poéticas.

“Asuntos pendientes” é un disco digno e honesto, que vai gañando a complicidade do ouvinte a base de boas letras e un revestimento musical elegante.

Pepe Cunha, 20-abril-2012

Edita http://www.laproduktiva.com

AXENDA

Facebook

5 hours ago

Ábrete de orellas
mañá sábado 20 en Redondela, concurso de maquetas de Asociación do Festival Millo VerdeEn colaboración con ArteLixo ... See MoreSee Less
Ver en Facebook