Cinco anos despois, chega un traballo novo da banda ourensá formada no 2002 por Manuel Brañas, ex de Arco da Vella e produtor do álbum. No 2004 debutaron discograficamente co álbum “Camiñante” , que tivo continuación en 2009 con “Alalá do Cebreiro”. “Danza das Burgas”, gravado no estudio Casa de Tolos con Segundo Grandío e Pablo Casal, alterna uniformemente os instrumentais coas cancións cantadas e vén inzado de colaboracións de peso como as de Davide Salvado, Guadi Galego, Pancho Álvarez, Javier Bergia, Quim Farinha, Pablo Pascual …
A formación de 8 membros apoiada nas colaboracións esgrime unha notábel riqueza instrumental: gaitas, guitarra, acordeón, whistle, violíns, piano, zanfona, arpas, baixo, batería… e, como adoita acontecer, no seu repertorio presentan algunha composición nova entre maioría de composicións tradicionais revisadas. Chaman de principio a atención dous títulos, pois se atreven a dar unha lectura diferente á “Mi tierra gallega” (música de Prudencio Romo sobre letra de Ricardo Cerato que popularizaran Os Tamara) e musican o poema de Ramón Cabanillas “O cantar do que se alexa”, no que Olga Brañas compón a música e comparte os arranxos con Quim Farinha (Berrogüetto, Talabarte…).
“Danza das Burgas”, moi inspirado na capital ourensá (o tema que o titula, “Xota de Ourense”, “Cantigas de Ourense”, “Pasodobre de Ventosela”…) non é un disco purista nin anovador, talvez un chisco irregular nos resultados pero predominan unha boa factura, a presenza de talento e unha escoita agradábel.
Pepe Cunha, 4-xuño-2014