Brais Morán “No mato do desespero”

Xuño 22, 2018

Se en “Cruzando o eclipse” tiña máis peso a vertente roqueira, neste segundo disco en solitario Brais Morán é quen de entregar unha colección de cancións con máis inquedanzas estilísticas e unha clara inspiración, que non copia, do grande Fran Pérez “Narf”. Precisamente este musicara en “Quero ser tambor” o poeta moçambicano José Craveirinha que dá título ao disco e á primeira canción: “No mato do desespero”. Neste comezo atopamos xa unha pegada africana e deseguido celebramos tamén a presenza da música tradicional e o folque galegos con dúas das composicións máis logradas do disco: “Mentres a xente dorme” e “Cando imos para ese lugar”.

A ducia de cancións reforzan estas novidades sonoras en convivencia co Brais que xa coñeciamos, ese da máis americana “Sangue do Norte” ou o da banda Loretta Martin e as súas fontes funk e brasileiras en “As cores do Mato” e “No país das efes”, un agasallo de composición a cargo da Ugia Pedreira, que tamén o acompaña e brilla no dúo vocal. E se falamos de Loretta Martin, aquí ten unha presenza importantísima “o seu irmao” Fran Sanz -baixista e axudante na produción canda Arturo Vaquero- para contribuír a ese ar de confianza e calidade do conxunto, tanto no estudio coma nuns directos que merecen presenza en salas e festivais. Podo confirmar que o cuarteto é unha máquina ben engraxada.

“No mato do desespero” é un álbum con personalidade, que sona honesto, elegante, maduro, xeneroso en emocións e no que constatamos como o pop-rock casa ben co tradicional (“Matando a pena” e “Xota de Beiramar”) canda momentos para bailar como a que pecha o disco ben arriba (“A esperanza do desespero”) e outros dunha escoita de emoción máis repousada (esa “Valarés” co acompañamento estupendo das Tanxugueiras). Resulta ben significativo que esta reseña mencione para ben máis da metade dos títulos.

Ao igual que o poden estar a deseñadora da imaxe (Seispés Producións Creativas) e o fotógrafo (PixelínPhoto), Narf estaría orgulloso.

Pepe Cunha, 22-xuño-2018

AXENDA

Facebook