brais morán “cruzando o eclipse”

Decembro 09, 2015

Lembras os Loretta Martin? Si, esa banda que facía funk rock con grande influencia brasileira. Pois anos despois da súa separación chega o primeiro disco en solitario do seu compositor e vocalista. E non tarda nada en constatarse un cambio estilítico cara a un rock duro na onda de, por citar referentes recoñecibeis, uns primeiros M-Clan ou Fran Pérez “Narf”, sen dúbida un referente para facer rock de autor en galego. Precisamente “Destino”, a peza que abre este debut, é cantada a dúo con Narf, cuxa “Onda soante” comparte versos: “Vamos procurar na nosa memoria / a imaxe real do noso pasado / para entender o noso fado / vamos voltar ao principio da historia”.

O protagonista apóiase con seguridade en Manu Seoane (guitarra eléctrica), Miguel Queixas (batería) e Denis Morán (baixo eléctrico) e mais no traballo de Arturo Vaquero nos Estudios Abrigueiro. Facturan un álbum de rock pouco habitual nestes tempos, pero que convence con cancións coma “Madrugada”, “Luz de setembro”, “En paz” ou “Os pensamentos da estrada”. O disco non mantén a forza dos primeiros temas e Mais as letras persoais corren o risco de caer nunha mensaxe algo naïve como en “Faino (só por ti)”. En conxunto pode ser algo irregular, pero polas cancións en si, non porque non sexa todo o disco roqueiro. De feito coquetea cos ritmos tribais en “Sen parar” ou co funk noutra das salientables: “Soan as campás”.

O cambio estilístico é valente e claro con respecto de Loretta Martin. Esquezamos dunha vez o tópico de cantautor con limitación estilística e pensemos no saxón de “songwriter” e apreciemos aquí un cantautor roqueiro, máis duro e maduro. Confesa que atopou inspiración nas vivencias e paisaxes da Costa da Morte e que “estes tempos onde cae a miña mocidade transformándose noutra idade chea de enerxía que continúa crecendo”. A plasmación destas sensacións convencen ao ligarse á forza das guitarras, a contundencia da base rítmica e a persoalidade dunha voz máis desgarrada. Un álbum contundente e meritorio que presenta argumentos para que Brais Morán se vaia facendo cun sitio propio na nosa escea.

Pepe Cunha, 10-decembro-2015

AXENDA