Bolboreta “Vuelo”

Novembro 07, 2017

Tras a produción do concerto didáctico para público infantil “De aquí para alá”, chega o debut de Bolboreta, o proxecto propio da cantante e multi-instrumentista Lydía Botana. Malia a súa xuventude, a de Fonteculler acumula unha solvencia notábel en proxectos alleos ou compartidos, cos alicerces sólidos da súa formación e o seu espírito entusiasta, aberto e positivo. Lydia canta e toca acordeón, piano, guitarra, ukelele e percusión, o que a leva a formar parte de diversas formacións que practican rock, pop, reggae/ska, rumba, cumbia, raggamufin … “Vuelo” é froito desas viaxes, colaboracións e amizades musicais, ofrecendo músicas orixinarias de latitudes moi diversas.

Ademais de vivir a cabalo entre a súa terra natal ( en “Galicia en mi corazón” canta “Orgullo máis grande andar polo mundo, dicir que son galega, sentimento máis profundo” ) e Canarias ( onde reside e á que adica “Land of Alegría”), as súas constantes viaxes reflíctense con estas gravacións en estudios de Paris, Madrid, Biarritz, Barcelona, Cardiff, Buenos Aires, Rabat … A súa proposta sonora e a mensaxe sitúanse claramente vencelladas ao que englobamos coma mestizaxe e, de feito, os nomes nos créditos achegan coordenadas e referencias claras: Calle 13, Ojos de Brujo, La Pegatina, Illya Kuryaki & The Valderramas, Bohemian Betyars, La Troba Kung Fu … Até o selo que edita o disco é un referente de ritmos e músicas do mundo: o barcelonés Kasba Music.

“Vuelo” é unha ducia de cancións (máis un jingle final) cantadas en galego e castelán, con chiscos ao francés, inglés, italiano … e aqueladas para gozar ao vivo, feitas con tanta enerxía e actitude positiva coma abundancia de lugares comúns e tópicos. Se o entendemos coma carta de presentación, coma un disco esperado e necesario na traxectoria de Lydia Botana, tamén podemos agardar moito máis da súa formación musical e o pouso que deixan as experiencias. Porque de ambas cousas Lydia é unha esponxa.

Pepe Cunha, 9-novembro-2017

AXENDA

Facebook

3 hours ago

Ábrete de orellas
TANXUGUEIRAS e Fillas De Cassandra unidas en "Quen é a que canta?" ... See MoreSee Less
Ver en Facebook