Bohem “Before the End”

Marzo 28, 2018

Desde Noruega chega o segundo disco deste trío no que o murciano Carlos Sánchez exerce de baixista e produtor. Alá entraron directos ao número dos de Itunes e aquí esperan darse a coñocer cunha colección de cancións que rebordan forza e enerxía dun rock que non descoida a melodía nin as tendencias actuais no pop-rock “indiestream” tipo Black Keys, The Killers ou Artic Monkeys. “Before the End” preséntase como a segunda parte conceptual dunha triloxía que continúa con máis risco e experimentación o álbum de inicio: “Nomadsland” (2015).

As cancións de Bohem amosan dominio do rock con moito sabor aos 80 sumada ao indie actual, ademais de non descoidar as melodías para sonar atemporais, efectivos e convincentes para un público amplo. Talvez coma banda sexan novos, pero apreciamos esa experiencia previa para facturar unha canción como “Home”, primeiro single do disco, que combina ese aire épico ou heroico que agardamos dun grupo escandinavo e unha base rítmica bailábel. Nesa liña, pero algo máis relaxada, temos tamén “Sing Out for Me”. “As You Were” é outro dos acertos do disco, cunha lentitude intensa que lembran aos mellores U2 nesas coordenadas. Por aí vai tamén “Let it Burn”. “Corazones solitarios”, co luxo da colaboración na guitarra de Diego García “El Twamguero”, tira ao pop desde o rock, como os Led Zeppelin dunha “Fool In The Rain”.”Closed and Exposed” achega o outro momento pop ochenteiro do disco … e mesmo, sempre desde o rock, achegan ao final uns toques de góspel, soul e blues con outro dos momentos máis logrados do disco:”Keep Rolling”.

Que non te asuste o de “triloxía conceptual”, pois aquí non hai minutaxes excesivos, cortes con cambios abruptos, desarrollos progresivas, narrativa ou experimentación … agás nas pezas breves que abren (“The Tower”) e dividen (“Chater II”) o disco. As cancións pódense escoitar unha a unha e forman unha proposta versátil, facturada sen fisuras, s tanto na voz convincente de Svein André Davidsen Olsen como nos coros, os riffs de guitarra, a base rítmica e outros detalles instrumentais que van pingando sobre o disco. En resumo, ideas claras do que queren ofrecer e así chegar a moito público, co mellor do que chamabamos rock de estadio ou para masas. En Noruega xa o fan.

Pepe Cunha, 30-marzo-2018

AXENDA