Blues do País “Ruta 120”

Decembro 28, 2024

Xúntanse na redacción orelluda traballos que foron chegando con atraso -neste caso moito, pois saiu en 2016- e que tamén merecen unhas liñas na sección de discos, aínda que non sexan novidades. Entendámolo como un rescate, unha reivindicación e, asemade, un xesto de nos rebelar contra a ditadura do consumo rápido e a caducidade inmediata. Este primeiro vai da man dun espectáculo que leva máis dunha década a nos divertir ao vivo e cuxos protagonistas son Bieita James e Pepe King, alcumes ad hoc da cantante Iseldo Agilda (Sacha na Horta, Måi) e o músico, aquí á guitarra e voz, Brais das Hortas (Sacha na Horta, Peter Punk…)

“Ruta 120” adapta a lembranza da mítica Ruta 66 ao traxecto Vigo-Ourense da N-120 e titula este repertorio de adaptacións divertidas (ver abaixo os títulos) de clásicos do blues, soul ou rhythm and blues como “These Boots Are Made for Walkin'”, “I Feel Good”, “Smokestack Lightning”, I Just Want to Make Love to You”, “Got My Mojo Working”, “See Line Woman”, “Garbage Man” … e tamén “O tren” de Andrés do Barro e o “Highway to Heaven” de Led Zeppelin. Ademais, inclúen tamén temas propios que encaixan no mundiño do blues e o noso rural, o do país, como o introdutorio e significativo “Diva Rural e Bluesmanciño”, “Arrianos”, “San Martiño is Tonite” ou “Regueifa Blues”.

Se ben Bieita James e Pepe King se manexan con moita solvencia e carisma nas actuacións, para a gravación cumpría darlle un chisco de brillo ás cancións e así nos estudios A Ponte se acompañaron do Sindicato da Verbena: Gustavo Agasi (Batería), Manuel Alonso (baixo) e Martiño Mato (saxos). “Ruta 120” é unha carta de presentación xeitosa e a maneira de nos levar a casa o libriño con fotos, mapas e esas letras en galego que nos tiran un sorriso.

Pepe Cunha, 28-decembro-2024

escóitao aquí, no seu bandcamp

repertorio

1. Intro
2. Diva e Bluesmanciño
3. Mirarche o cu
4. Arraianos
5. O camión do lixo
6. San Martiño is tonite
7. Estou de lúa
8. Nunca fuches meu
9. As Marías
10. Regueifa Blues
11. Os zocos son pra andare
12. Fuches tu!
13. Xa mollo no prebe
14. EXTRA 1 : O tren
15. EXTRA 2 : Os marcos do ceo

Facebook