No seu debut homónimo de 2015 predominaba o inglés, pero este cuarteto barcelonés canta agora en castelán para amosaren unha mensaxe lírica tan directa como a súa proposta musical, claramente inspirada no indie-rock dos 90 e algún eco dos 80. Superchunk, The Wedding Present, Sonic Youth, Pavement, The Jesus & Mary Chain … pingas de garaxe ou punk, pero tamén lembran, grazas a ese paso ao castelán, uns Triángulo de Amor Bizarro. Sonan enérxicos e directos, sen paliativos, engraxados, acelerados e por momentos abafantes e ruidosos.
Porén, non deixan de ser tarareabeis e baillabeis ao non desatenderen melodías e retrousos canda as sacudidas de guitarras afiadas, de riffs garaxeiro, distorsión a eito e unha base rítmica machucante. A voz apaixonada e descarada canta unhas letras que non eluden a política ou a realidade social. Ao longo das 10 cancións en 30 minutos, o nivel de adrenalina apenas se relaxa e atopamos éxitos potenciais ou “himnos” como “Exilio de amor”, “Juventud perdida”, “Reino animal” ou “Chaqueta de entretiempo” e outras un chisco máis contidas como “Montaña mágica”. Por citarmos a metade dunha colección na que practicamente todas as cancións manteñen o gancho coma poucas outras bandas do maremagnum “indie”.
Na produción tiran do bo facer nesta onda de Santi e Víctor García (Ultramarinos Costa Brava) e a imaxe física do álbum tamén vai acorde co contido: efectiva e ruidosa, con cores rechamantes e certo caos. Editado por Mama Vynila Récords, “Disco nuevo” é un deses álbumes que non desentonarían de ter saído hai dúas décadas, como lle ocorrera aos The Pains of Being Pure at Heart.
Pepe Cunha, 14-marzo-2018