“Bibiano. Cambiar para ser un mesmo”. Carlos Rego

Marzo 14, 2025

Segundo a idade e o interese pola nosas músicas e a súa industria, o nome de Bibiano pode soar como promotor e organizador de concertos, axitador cultural, membro tardío de Voces Ceibes ou intérprete a dúo con Benedicto. En principio semellaba material abondo no que pescudar para afrontar un libro cuxa “intención primeira é rescatar do esquecemento o Bibiano músico […] e indagar na súa evolución artística”. O encargado da tarefa non podía ser máis solvente (o músico, profesor e xornalista musical ourensán Carlos Rego) e o resultado non só non defrauda senón que se antolla un traballo con valor alén da interesante figura do protagonista. Xa apunta o músico e investigador Alfonso Espiño no prólogo que “hai algo máxico e á vez fuxidío en Bibiano Morón”

O subtítulo Cambiar para ser un mesmo xa apunta a evolución tanto persoal como artística de Bibiano Morón, cunha biografía que nos presenta todo un buscavidas, de orixes humildes, inquedo e non exento de polémicas para ben e para menos ben. Tivo que traballar desde moi novo, ao tempo que comezaba na música pop en Compostela. Achegouse por militancia política (Partido Comunista) á canción protesta de Voces Ceibes, onde chiaba ao non ser universitario nin tan constrinxido no musical como os demais. Deu centos de concertos tan comprometidos como precarios a dúo con Benedicto (mítico o episodio de “Abaixo a dentadura”). Desmarcouse entre 1976 e 1979 con tres discos ben interesantes e incribelmente non dispoñíbeis malia o seu valor. Xa en Vigo, argallou Trenvigo (cuns noviños pre-Golpes Bajos: Teo Cardalda e Pablo Novoa), foi animador da Movida viguesa desde a sala Kremlin e chegou a promotor pioneiro e referente de macroconcertos. Hai outra figura do noso panorama que vivise os anos 60 ye-yés, a canción protesta, o folk-rock progresivo, a electrónica … e sempre cantando en galego ? E que dicir de atreverse a traer Madonna a Vigo e relacionarse cos políticos para lles vender algo tan asumido agora como os macroconcertos ?

Apuntados todos estes ingredentes gorentosos, Carlos Rego podería limitarse a argallar unha narración máis ou menos atractiva, na que con elegancia relatase a intensidade vital de Bibiano. Porén, ademais de cumprir moi ben con esa tarefa, incrementa o interese da obra ao contextualizar con naturalidade e engadir con gusto apuntamentos, análises e reflexións sobre os momentos musicais, sociais e culturais coetáneos do protagonista. E faino até o final mesmo porque, tras gañar cartos traendo figuras internacionais, Bibiano sae perdedor na crise inmobiliaria. Que o descoñecemento do nome non vos arrede dunha lectura moi recomendábel e non só polo acerto da reivindicación de figuras da nosa música agora que atendemos máis a ela. Ah, e aproveitemos para pedir a reedición dos seus álbums “Estamos chegando ó mar”, “Alcabre” e “Aliminio”, dispoñíbeis para a escoita grazas a outro labor a recoñecer: o de coleccionistas e melómanos que comparten músicas na internet.

Pepe Cunha, 14-marzo-2025

Bibiano. Cambiar para ser un mesmo

AXENDA

Facebook

3 hours ago

Ábrete de orellas
hoxe mércores en Vigo, dentro do Festival Sinsal Primavera.Info aquí: abretedeorellas.com/event/chemtrails/www.youtube.com/watch?v=XGdmSs5SDl0&t=62s ... See MoreSee Less
Ver en Facebook