Betty Lavette, dama da voz soul. Ciclo Galicia Importa, 8-nov-2011

Novembro 09, 2011

O nome do último disco de Betty Lavette é “Interpretations: The British Rock Songbook”. Tras escoitar o disco e asistir ao concerto de onte, compréndese porque non se fala de versións, senón de interpretacións. A voz e a actuación de LaVette é tan impresionante que por si mesma ela dá sentido coma ninguén á manida expresión de “facer súas as cancións”. Non quedan dúbidas de por que LaVette se considera a si mesma dentro da tradición de intérpretes soul, non de compositores. Ademais, loce uns espléndidos 65 anos, móvese con soltura sobre as táboas e reborda entrega en cada verso que canta.

Como mandan os cánones, abriu a sólida banda de acompañamento (baixo, batería, guitarra e piano que quedarían nun meritorio segundo plano a pesar da súa calidade) cunha peza instrumental que ía preparando o ambiente para a aparición da estrela da noite. Esta comezou cantar desde fóra do escenario, enfocando así a nosa atención sobre a súa soberbia voz e abrindo hora e media non só de soul, porque tamén tivo os seus cachiños de blues, jazz, rhythm & blues e rock. Sempre moi comunicativa e atenta co público, pediunos que quen entendesen inglés compartisen os seus comentarios cos que non, comezando co seu agradecemento ao público español por acollela tan ben no seu “regreso”. Presentaba cancións que foi seleccionando das diferentes etapas dunha carreira de case 50 anos que tivo que agardar a este século para ser recoñecida por público e crítica. De feito, é agora cando ten un contrato discográfico estable e edita álbumes cun selo tan prestixioso como Anti (Joe Henry, Tom Waits … e outro rexurdido na súa madurez como o finado soulman Solomon Burke …) . Como sinalou, neste regreso foi nominada dúas veces para o Grammy, que non levou, pero “polo menos tiveron que dicir o meu nome”.

O Teatro Rosalía foi un escenario magnífico e o público respondeu cunha boa asistencia, pasando de expectante e disposto a entregado e entusiasmado pola forza que transmite esta vocalista crecida en Detroit. Pouco importa de que estilo veñan as pezas que selecciona, pois ela enchóupaas en soul, nese cantar coa alma, co corazón. “Word” dos Beatles, “Joy” de Lucinda Williams, “It Don’t Come Easy” de Ringo Starr , unhas emocionantísimas -mesmo para ela segundo a súa faciana- “Isn’t It a Pity?” de George Harrison, e “Love Regn O’er Me” dos Who … pero tamén pezas dos seus comezos como “Your Turn To Cry- Your Time To Cry” -que se coñeceu na voz de Joe Simon pero que ela canta mellor (“but I sing it better”) -, outras rescatadas dun álbum que tardou case 30 anos en ver a luz, como “Souvenirs” … e a única escrita por ela: a autobiográfica “Before the Money Came (The Battle of Bettye Lavette)”, na que expresa os seus sentimentos ao acadar o éxito da noite á mañá (“about the success overnight”), tras décadas de talento desconectado da industria.

Afortunadamente, este rexurdir tróuxoa á Coruña e tivemos a opotunidade de gozar dun concerto sobresaínte porque ela é unha cantante sobresaínte. Ademais, engade ese chisco de simpatía, xestualidade e teatralidade na entrega para facerse co corazón do público. Como se fixese falta! Betty LaVette amosou unha calidade vocal excelente, falou, bailou, cantou unha peza sentada na fronte do escenario e abraiou cunha “I Do Not Want What I Haven’t Got,” de Sinéad O’Connor a capella no máis puro góspel. Se tivese que poñar algún “pero”, sería a falta dunha sección de vento e talvez que a segunda parte do concerto podería mellorarse na variedade do repertorio, pois por momentos se achegaba a clichés AOR (Adult Oriented Rock). Porén, as sinceras e intensas ovacións do afortunado público demostraron que a maxia soul inundou o Rosalía.

Pepe Cunha, 9-nov-2011

AXENDA

Facebook