Berri Txarrak, Gatillazo, Muchachito e Che Sudaka súmanse ao SonRías Baixas 2018

Abril 13, 2018

nota:

A XVI edición do Festival SonRías Baixas, que encherá de novo Bueu de festivaleiros os días 2, 3 e 4 de agosto de 2018, suma sete novas bandas ao seu cartel. Os rockeiros Berri Txarrak chegarán a Bueu precedidos polo espectacular concerto que ofreceron no BEC ante máis de 10.000 persoas. 40 temas, tanto clásicos e inéditos como do seu último disco, dous cambios de escenario e un público entregado á banda máis aclamada do rock basco das últimas décadas. Todo un referente da música en euskera, reivindicativos e loitadores como tamén o son os Gatillazo, cos que Evaristo Páramos mantén máis vivo ca nunca o espírito de La Polla Records: cancións libertarias e cheas de humor, como armas coas que disparar contra a inxustiza e a estupidez.

O SonRías Baixas completa a exitosa fórmula de directos potentes e enerxéticos, reivindicativos e divertidos, coa que cada verán conquista a miles de festivaleiros de todo o Estado coa música festiva de Muchachito, que virá a Bueu acompañado pola súa banda habitual para ofrecer ao público do festival a súa particular mestura de rumba, rock, swing, funk, entusiasmo e alegría, e cos Che Sudaka, que funden o folclore latinoamericano cos ritmos xamaicanos e a actitude punk, nunha potente música de baile para encender conciencias.

Completan a aposta do festival polas bandas emerxentes a canción de autor urbana e mestiza de Muerdo, o rap e a electrónica en euskera de Revolta Permanent e o ska valenciano de Assekes, recordándonos que o público do certame sempre marcha de volta cunha nova descuberta musical.

Estas sete bandas súmanse ás xa anunciadas anteriormente pola organización: a big band valenciana La Raíz, que acaba de gravar un DVD en direto e chega precedida dun enorme éxito de público; Desakato, que ven de gañar o Premio ao Mellor Directo de España e Portugal nos Iberian Festival Awards; Sara Hebe, Terbutalina e The Skarnivals.

As entradas están á venda na web sonriasbaixas.info cun prezo especial e limitado de 35 € máis gastos os tres días de concertos, acampada incluída.

Facebook

2 days ago

Ábrete de orellas
Hoxe é o Día Internacional das persoas con discapacidade e por iso recuperamos esta canción, na que Seso Durán adaptou un conto sobre o seu fillo Manuel escrito por María José Ferrada. "O traballo pon o acento na diversidade funcional, en que sempre hai máis do que se ve a simple vista e un pequeno misterio en cada cousa."Inquedanzas Sonoras ... See MoreSee Less
Ver en Facebook