As artistas que non son comerciábeis ou non casan coas modas e tendencias son tan ou máis necesarias que as populares, porque arriscan, proban, abren ou recuperan camiños. Polo menos quero pensar que así opinamos quen necesitamos ou consumimos músicas cunha curiosidade por riba da media. Un deses nomes incómodos ou alternativos é o de Xiao Berlai, o noso cantautor ao Albert Plá, “indie rururbano” … que debutara baixo o seu apelido con “Desconhecido”. A aparición deste segundo libro-disco, tamén financiado vía micromecenado, adiouse pola mesma pandemia que inspirou o álbum “Cas Berlai”. “Estampas galegas”, a súa terceira colección de cancións, non é só música, senón “Música, pequenos relatos e ilustrações do Leandro Lamas sobre a Galiza de hoje, ao estilo do Cousas de Castelao, com banda sonora de Berlai.”
Así é. Podemos degustar por separado letras, ilustracións e músicas, pero ao xuntarmos as tres valoraremos a conexión que se consegue neste traballo. As letras son enxeñosas e os “pre-textos” certeiros, a ilustracións fermosas, inspiradas no que se narra e canta, e a música á altura dos notábeis instrumentistas que acompañan a mandolina e guitarra acústica de Xiao: Iago Mouriño nos teclados e pianos, Pablo Sanmamed no baixo e Bruno Couceiro á batería. En prol do eclecticismo sonoro da casa, suman as colaboracións de Belém Tajes, Narci Rodríguez e Pauliña nas voces e unha sección de ventos que eleva “Um país con dous nomes” e “Roubáronon-nos a heroína”. Asemade, a variedade tamén está nas experiencias e reflexións, pois ademais de celebrar os dous nomes da nosa matria e reivindicar o galego nas producións audiovisuais (a heroína é Arale), Berlai sinala a castelanización do galego ou a imposición de xénero nas crianzas, ironiza con Zara Home, homenaxea o espírito taberneiro do “Miudinho”, desexa o pior a quen venden os nosos montes ou fantasea con Rosalía a guiar unha revolución galega.
En conxunto, “Estampas galegas” representa ese amor á Galiza que é e que podería ser. A de quen observa e soña, é realista e inconformista, coñece as raíces e cre nun futuro mellor, a que non renuncia nin ao sorriso nin ao berro, a que escrebe cancións dende a retranca, a alegría e a denuncia, con maior ou mellor tino pero con convicción. Por iso cómpre celebrar, apoiar e divulgar traballos tan libres e completos como este de Berlai. Edita Através Editora, o selo editorial da Associaçom Galega da Língua (AGAL) e difunde a produção de autorxs da Galiza em galego internacional.
Pepe Cunha, 11-setembro-2023
https://www.verkami.com/projects/35104-berlai-estampas-galegas
repertorio
“Um país con dous nomes”
“Como os melhores desejos”
“Roubáronon-nos a heroína”
“Enceralhado”
“Como Elisa e Marcela”
“Orgulho Guai”
“Um home é um home”
“Greve do assobio”
“Como Sue Ellen”
“Sei que habito”
https://www.aregueifa20.net/2023/06/berlai-estampas-galegas-2003.html