Berlai “Cas Berlai”

Decembro 17, 2020

“Desconhecido” (Axóuxere Editora, 2016) fora deses traballos que non pasan desapercibidos e dos que agardas continuidade. Por fóra cunha presentación coidada e por dentro esborrallando fronteiras entre estilos musicais. Se tras presentar as súas credenciais o que agardamos dun artista é a consolidación dun cuño de seu, cómpre dicir que Berlai o consegue con este “Cas Berlai”. Repite a sintonía co deseño de Ernesto G. Torterolo e a riqueza sonora da banda formada por Pablo Sanmamed (contrabaixo), Iago Mouriño (piano) e Bruno Couceiro (batería); volve a unir cunha idea ou fío argumental as cancións e alixéraas de certa espesura do seu debut.

Dos nove cortes, oito foron creados e producidos no confinamento na súa casa da aldea e de aí a sonoridade acústica e os títulos (“Na casa”, “Na cama”, “No corredor”, “No váter”, “Na sala”, “Na cas de Tróski”). Xiao Berlai cántanos “como a casa: sincera, aberta, tal como a ves” sobre lembranzas de amores rotos, o pai que marchou (“No espelho” xa é das miñas favoritas), miserias, sentimentos varios, mesmo o seu TDAH … e a solvencia dos músicos fai que o paseo estea amenizado con pinceladas máis ou menos grosas de indie-pop, folk, jazz, fusión en xeral, rock (rur)urbano …

Ademais, sen minguar cohesión, Berlai suma con acerto unha letra allea (“A lista da compra -da viúva-”, adaptación á altura dun poema de Emma Pedreira) e a nota electrónica e nocturna da canción extra “Bota-te ao mar”, gravada en estudio porque ía destinada a un adiado segundo álbum do que podemos esperar moito, ouvido este que nos ocupa. En troques de nos asustar pola referencia a “disco froito do confinamento”, apreciemos esas cousas cotiás que temos que espremer para alimentármonos co seu zume. Neste caso en forma de cancións.

Pepe Cunha, 17-decembro-2020

AXENDA