Berlai

Maio 12, 2017

O debut do proxecto de Xiao Berlai (profesor de música e guitarrista de Fía na Roca) é dos que non pasan desapercibidos se chegan ás túas mans. Conxuga música, poesia e banda deseñada. Ademais, as cancións refírense, agás o agasallo engadido ao final (“Chegando a Mordor”), a unha mesma historia, nunha sorte de disco conceptual ou temático narrado en primeira persoa. Cada parte deste todo pode desfrutarse por separado ou en conxunto, como se propón ao comezo dun libro de case 100 páxinas de 15×19 cm e editado por Axóuxere cun acabado notábel. Pola vista xa entra, grazas en especial aos deseños a lapis de Ernesto G. Torterolo.

O contido temático é, para non desvelármolo, “a história dum ser desconhecido. de um homem solitário, que preferiu viver só… A historia de um ser ausente, que passou a vida recordando, aguardando”. Atopamos referencias a sexo, amor, perda, desarraigo, alcol. tolemia, a fusión coa natureza, a crítica social … As trece cancións beben de varias fontes musicais, aínda que a primeira que vén á mente é a de Robe Iniesta (Extremoduro) polas maneiras da voz e a desinhibición dos versos (“Far West”, “Mil sorrisos”, “Só quería repetir” …). Non obstante, ademais dese ar de rock (rur)urbano, tamén teñen presenza o indie-pop e a electrónica (“Um livro estranho”), o reggae (“Cruzei mares”), o pop rock en xeral … e abondos chiscos á tradición popular do país, como xa o título de “Só uma noite nao é nada”.

Berlai é unha banda ben competente composta polo propio Giao á guitarra e mandolina, Iago Mouriño nas teclas, Pablo Pérez ao baixo e Bruno Couceiro na percusión. Entre as colaboracións no disco gravado nos Estudios Cormorán, un trío de cordas, Lebedynski ou Bocixa Rei. O resultado é un disco moi meritorio, valente, con momentos ben aproveitabeis, ora por duros ora por fermosos, sempre desde a sensibilidade e o romanticismo no sentido orixinario. Cun formato moi ben presentado, pode resultar algo irregular pois son as primeiras composicións “non-folque” de Xiao Berlai. Porén, deixen os prezuízos a un lado porque a atención favorece apreciar riqueza e diversidade tras o desacougo inicial por unha voz e os versos aos que non estamos afeit@s. Parabéns por un traballo dignísimo.

Pepe Cunha, 23-decembro-2016

AXENDA

22:00 h.
Fundaçom Artábria, Ferrol.
3 / 5 €