Un público que pasaba dos 30 anos, a maioría admirador dos Teenage Fanclub, era consciente da oportunidade que se nos presentaba de gozar na intimidade do novo proxecto de Norman Blake. Nun dúo puramente acústico e espido instrumentalmente, a súa voz e a de Joe Pernice únense con detallismo e delicadeza a maior gloria da melodía pop. As dúas voces ben empastadas e o silencio máis respectuoso que servidor viviu na Sala Super 8 fixeron da cita o luxo que se presumía.
Coa equipaxe mínima, dúas voces, cadansúa guitarra e un deses xilófono de xoguete, presentaron o proxecto chamado The new mendicants. Repasaron case todos os temas do EP “Australia 2013 E.P.”, algúns dos cales estarán nese álbum que anuncian para 2014, “Into the Lime”: “Follow You Down”, “Sarasota”, “I Don”t Want Control of You”, “High on the Skyline”, … Fieis ao este estilo espido e acústico foron alternando versións de cadansúa banda principal: Teenage Fanclub (“It”s All in my Mind”, “Baby Lee”, “Mellow Doubt”, “Everything Flows” .. e até unha cara B da banda para @s máis fans, “Dark and Lonely Night”) e Pernice Brothers (“Amazing Glow”, “Cronulla Breakdown”, “The Loving Kind”, “There Goes the Sun”, “She”s Gone” …). Porén, tamén lembraron The Zombies (“Butcher”s Tale”), Sandy Denny (“By The Time It Gets Dark”), The Go-Betweens (“Finding You”) ou Jonny ese proxecto de Norman Blake con Euros Child que ía pasar por Ferrol grazas ao SinSal e topou coa ignorancia da nova corporación.
Malia que “a priori” o maior reclamo era a presencia do líder dos Teenage Fanclub, tras o concerto repetíanse os eloxios á calidade interpretativa de Joe Pernice. Iso si, Norman Blake tivo que saír só para un segundo bis co que premiar os fans de Teenage Fanclub. Embriagadas pola intensidade melódica, unhas ducias de persoas fomos testemuñas dun dos maiores luxos que pasou pola sala ferrolá. Se cadra, o bo desta estafa (crise) é que favorecen as xiras en formatos pequenos e podan ser acollidos por locais con menos recursos pero atentos e con gusto. Se ademais se ten a oportunidade de que os artistas compartan comentarios sobre as cancións, mel sobre filloas.
Abriu a velada, e cumpriu co cometido, a formación local Quant, proxecto dun deses fans recoñecidos de Blake como Óscar “Quant”. Acompañado da guitarra eléctrica e o teclado de Quincho (Carrero Bianco) aproveitou esa media horiña para presentar varios temas novos e amosar por onde van os tiros cara ao novo disco. Segue crecendo estilisticamente e a cousa pinta ben.
Pepe Cunha, 14-decembro-2014.