Belle and Sebastian, ben e punto. Festas do Apóstolo, 28-xullo-2014

Xullo 31, 2014

Hai que felicitarse de que as Festas do Apóstolo inclúan concertos de máis calidade (Tinariwen, Vintage Trouble, Juan Perro & La Zarabanda …) que os habituais noutros programas de festas en cidades e vilas. Para lles dar a razón na aposta por Belle and Sebastian, vendéronse máis de 4000 entradas -nos tempos que corren!- e a Praza da Quintana amosaba un ambiente magnífico. O pop de boa factura é o que ten: sempre funciona e ás veces até chega a estar de moda. Estaba claro que eran moi altas as expectativas de ver ao vivo unha banda moi salientable no pop das dúas últimas décadas.

A formación que lidera Stuart Murdoch abriu coa instrumental “Judy is a Dick Slap” e foi visitando practicamente todos os seus álbumes. Agás “The Boy with the Arab Strap”, “Piazza, New York Catcher” e “I”m a Cuckoo”, ofreceron un repertorio máis para fans que un “grandes éxitos”. Aínda que un é dos que acepta o que queira ofrecer o artista en cada momento, botei en falla algunha desas cancións (“Another Sunny Day”, “Like Dylan in the Movies”, “The Blues are Still Blue”, “Step Into My Office, Baby”, “I Want the World to Stop” …) que de seguro terían elevado un entusiasmo que por momentos parecía frear.

Porén, estes escoceses dominan a arte do pop máis atemporal e de cando en vez tiraban do público con facilidade a base de melodías como as de “If She Wants Me”, “If You”re Feeling Sinister”, “Legal Man” ou “Sukie in the Graveyard”. Sobre as táboas, a formación pop de 7 músicos e, segundo as cancións, un acompañamento de cordas e trompeta de até 6 músicos. A sensación de que estes músicos adicionais non gozaron de tan bo son nin de máis protagonismo foi comentada, ao igual que a versatilidade amosada con frecuentes cambios de instrumento da banda en si.

Como era de esperar, coincidindo con “The Boy with the Arab Strap” subiron 4 rapazas a bailar un par de cancións no momento máis álxido da conexión cun público que semellaba bastante distraído ou falangueiro (síntoo, eu vou aos concertos para escoitar). E non sería porque desde o principio Murdoch non estivera comunicativo e simpático. Con “Legal Man” e “Judy and the Dream of Horses” estabamos a vivir os momentos musicais de máis forza na banda e non sentiamos que se achegase o final con (só) dous bises: “Get Me Away from Here, I”m Dying” e unha intensa “Me and the Major” con Stevie Jackson lucíndose á harmónica. O público e a banda semellaban estar arriba, pero cumpriase a hora e e media e o concerto remataba dun xeito cortante.

Permitídeme unha comparación: se a intensidade dun concerto se medise polo número de asistentes que subiron ao palco, o ano pasado en Paredes de Coura foron moitos máis. Insisto en que as expectativas eran moi altas malia e a afluencia para unha noite de luns así o amosa. Talvez por iso a maioría esperaba máis premio e quedou con ganas.

Pepe Cunha, 31-xullo-2014

repertorio (con algún posible erro ou alteración):

Judy Is a Dick Slap
I”m a Cuckoo
I Didn”t See It Coming
Dog on Wheels
Photo Jenny
If She Wants Me
Sukie in the Graveyard
Piazza, New York Catcher
(I Believe In) Travellin” Light
If You”re Feeling Sinister
Women”s Realm
The Wrong Girl
Simple Things
The Boy with the Arab Strap
Legal Man
Judy and the Dream of Horses

bises:
Get Me Away From Here, I”m Dying
Me and the Major

Facebook