O debut de Batea atrapa antes polos ollos que polos ouvidos, tal é a orixinalidade da súa presentación física: unha lata de conserva coa súa portada e contraportada, como calquera disco de música, e o seu anel de apertura fácil. Todo co deseño gráfico do violinista da banda, no interior espéranos unha memoria USB con forma de mexillón que inclúe vídeos do grupo, libreto dixital e audios en formato WAV de alta calidade: doce temas ben acaidos para amantes do rock celta ou folk rock instrumental.
Esta proposta cociñouse durante o confinamento por antigos membros da banda de folk Virandeira, que fechara a súa traxectoria dunha década de concertos e discos. Ás gaitas, violíns ou frautas desa herdanza suman a enerxía da guitarra eléctrica e a base rítmica contundente, propias dunha banda de rock. A fórmula non é unha novidade, nin moito menos, e só hai que pensar naqueles anos 80-90 onde eran tan recoñecíbeis nomes como Gwendal, Oysterband, Shooglenifty, The Pogues, Wolkfstones, The Levellers …
Se concretamos, Batea ten unha dose máis heavy ou rock duro; é dicir, que tiran máis cara a uns Ñu ou Mago de Oz que a Celtas Cortos. Predominan a contundencia, a épica, o baile e a axitación sobre o repouso, que pode representar a lembranza a Virandeira Folk con “Trégola”. As outras versións son “Dark Reel” de Fraser Fifield e a tradicional irlandesa “Jimmy Ward’s Jig”, pero nun disco que cómpre dosificar engado ás mencionadas “Muiñeira comanche”, “Peñón”, “Duna” ou “Cachamuíña on Fire”. Non enganan no seu lema: “Folk, rock e lume!”
Pepe Cunha, 21-febreiro-22
1. Cachamuiña On Fire
2. Castlebar
3. Dark Reel
4. Duna
5. Epic Fantasy
6. Muiñeira Comanche
7. Rock Tradi
8. Trégola
9. Alén
10.Peñón
11. Jimmy Ward”s Jig
12. Prost!