O californiano regresaba a Galiza, desta vez con formación de banda e para estrear un disco novo. A cita tiña lugar en véspera de festivo, polo que a proposta do Ciclo Baixo a Vide volvía resultar ben atractiva. Máis aínda tratándose da Sala Capitol en formato máis acolledor ou “club”: un escenario pequeno diante do grande e mesas altas espalladas polo centro da sala compostelá e menos potencia de son.
Davenport viña “vender” o último disco e este ocupou a maior parte dun repertorio no que se fixeron de menos clásicos propios, especialmente daquel marabilloso “Game Preserve” ou o seguinte “Maroon Cocoon” (apenas “L.A. Girls” se non me falla a memoria). O que si regalou foi algunha versión allea, como a adictiva “Teardrops” dos Womack & Womack. Case ao igual que neste disco Physycal World”, acompañouse dunha banda pequena para defender pezas que manteñen o nivel bo da súa traxectoria, especialmente nese “soft-rock” dos 70 e 80 que tan ben lle acae: “Fuck Fame”, “Dust in the Circuits”, “Wearing the Changes”, “Your Own Planet”, “Pamela” … Como xa sabiamos polas súas anteriores visitas, Davenport canta magnificamente, coma poucos neste circuito “non-mainstream”, e nesta ocasión amosou que coa guitarra eléctrica tamén se manexa ben, especialmente no toque máis oitenteiro.
O concerto correcto soubo a pouco non só pola brevidade, senón tamén porque nesa escasa hora e dez a actitude de boa parte do público complicaba mergullarse de cheo na música. Alguén me pode explicar esta manía de ir falar aos concertos acústicos ou en pequeno formato? E non falo dun comentario aquí ou aló, senón de manter unha conversa pasando totalmente de artistas e público, preto do palco e a un volume máis ca molesto? Unha mágoa.
Pepe Cunha, 2-maio-2014