banda crebinsky “jet lag”

Outubro 09, 2012

Co fin de lle poñer música ao seu filme “Crebinksy”, Enrique Otero argallou unha banda apoiada principalmente no contrabaixista Pablo Pérez e o acordeonista bielorruso Vadim Yukhnévich. Deseguido, deron abondos concertos e pasarrúas acompañando a proxección da película e con diferentes formacións. Cabía a dúbida de se seguirían adiante co prxecto e un ano despois xa temos un segundo álbum máis directo, inspirado por, ou orientado a, os concertos. con tintes roqueiros a maior gloria dunha Emir Kusturica & The Non Smoking Orchestra. Esa sería a diferencia básica co seu álbum de presentación, pois manteñen un dos pés da súa proposta musical nas melodías do leste europeo.

As diversas influencias dos 8 músicos noutros proxectos e ese traballo de composición ou construción a cabalo dos concertos outorga a este disco unha notable dose de eclecticismo e, como correspondía á película que os xuntou, surrealismo e sorpresa. Se a peza que abre está cantada en ruso e ten aires zíngaros, non tardarán en achegarse ao klezmer, a música árabe, o discodesparrame de “Disco Babushki”, a chançon française, o tango, western … Nun balbordo de incontables influencias musicais, por momentos achéganse á tolemia, pero na maioría das veces resultan ben divertidos. Para controlar este caos, outros músicos da banda, como Miguel Queixas, Fernando Abreu ou Carlos Castro, achegan aquí e alá notables detalles dos seus respectivos instrumentos.

Tras unhas cantas escoitas ao disco e velos ao vivo, semella que Crebinsky non vai quedar nunha anécdota e pode ter percorrido. Edita de novo Boa Music, no seu sub-selo Fol.

Pepe Cunha, 9-outubro-2012

AXENDA

Facebook