venres 22 Xuño / 23.30 h
6 € / 3 € (soci@s)
Banda Crebinsky é unha pequena orquestra popular xurdida dun universo imaxinario, fuxida do filme Crebinsky. Do mesmo modo, as súas músicas nacen como banda sonora e saltando da pantalla, corren ás rúas e os escenarios, crecendo e desenvolvéndose con grande enerxía. Unha historia ben interesante. Se houbese que etiquetar o seu estilo, pronto nos veriamos en serias dificultades. Con todo, podemos arriscar algunhas expresións como “composicións eclécticas-delirantes próximas á world music” ou ben “música popular dun país inexistente”que nos aproximaría algo á realidade. Da súa escoita reflexiva se evidencia un traballo musical de gran calidade, cheo de detalles e minucioso, tanto a nivel compositivo como de interpretación. Non obstante, é case imposible escoitar todo o seu espectáculo de xeito reflexivo, pois a contaxiosa vitalidade que transmite Banda Crebinsky invita á festa sen paliativos. Os integrantes da Banda Crebinsky teñen unha ampla bagaxe musical e unha gran capacidade de integración das súas experiencias e estilos persoais, dende o folk ao jazz, rock, musica clásica ou experimental. Outro dos aspectos nos que se reflicte a diversidade que caracteriza a este proxecto son as linguas das letras dos seus temas: galego, ruso, castelán, francés e italiano. Compoñentes: Pablo Pérez (composicións e contrabaixo), Vadin Yukhnévich (voz e baián), Fernando Abreu (clarinete e voz), Enrique Otero ( teclados e voz), Carlos Castro (marimba e percusións), Pablo Rega (guitarra e voz), Xacobe Lamas (violín) e Miguel Queixas (batería).
Featured