Banda Crebinksy “Zirkus Affe”

Xaneiro 04, 2018

Tras nacer da man da película Crebinsky (2010), o álbum “Jet Lag” (2012) xa nos presentaba este proxecto de banda. Desde entón, novas incorporacións foron construíndo unha sonoridade potente e sólida a base de directos e ensaios. Só así é posíbel dar sentido ou estrutura a unha confluencia de crebas sonoras que coñecemos doutros proxectos. As últimas en chegar a esta auténtica orquestra de ritmos do mundo foron a guitarra de Pablo Carrera e a voz de Serxio Zearreta.

Á par que en compoñentes, creceu tamén en número de estilos e influencias presentes. Se xa cabían folque, klezmer, jazz, rock, música experimental … agora tamén reggae e o Mediterráneo coa música rai ou hindú. Moitos poden tentalo pero hai que ter a formación e a competencia axeitada para non quedar na simple invitación ao baile sen prexuízos. Porque aquí claro que se baila, pero con moito espazo para os matices. Para iso, cómpre mencionar uns mestres instrumentistas: Xacobe Lamas (violín), Fernando Abreu (clarinete), Vadim Yukhnévich (baián), a base ritmica versátil de Pablo Pérez Sanmamed (contrabaixo e principal compositor) e Miguel Queixas (batería) e o teclado de Enrique Otero.

Na parte lírica tamén hai novidades, con máis presenza duns textos, en galego, sobre inconformismo, desacougo, que denuncian con argumentación e crítica, sexa desde a insatisfacción, a ironía, o escepticismo ou a parodia. Este ”mono de circo” (Zirkus affe) supón un paso con zancos ben longos no acabado das cancións dunha proposta complexa. O eclecticismo e a fusión requiren un mínimo de complicidade para o seu entendemento ou aprezo, pero aquí adoitan convencer. Iso si, achégate sen présa, con receptividade e sen prexuízo, a cancións como a mini-opereta en 3 actos “Welcome to Babylon”, “Punto de partida”, “Vida de gato”, “Who Watches the Watchdog” ou ”Non está de máis”.

Sen dúbida merece atención a valentía deste proxecto 100% autoproducido e autoxestionado, con 8 músicos de calidade interpretativa notábel e unha proposta ecléctica como case ningunha no noso panorama. E como nos ten acostumad@, o formato físico tan ben presentado de Olalla Fernández.

Pepe Cunha, 4-xaneiro-2018

AXENDA

Facebook

5 hours ago

Ábrete de orellas
TANXUGUEIRAS e Fillas De Cassandra unidas en "Quen é a que canta?" ... See MoreSee Less
Ver en Facebook