Para comentarmos o debut de Balakandra recuperamos o texto que tivemos a honra de escribir para a estupenda edición física do CD, presentada a modo de libro antigo cos textos e fotos e o disco compacto imitando un vinilo.
“A un neno metéuselle para sempre na cabeza un retrouso que saía da radio do coche. Na canción falaban dunha autopista e facíano en galego, dúas realidades que lle resultaban alleas. O coche viaxaba lento pola nacional e o neno era un urbanita cuxo contacto coa nosa lingua era escaso. Co tempo, ese neno seguiu a devorar música e soubo que aquela banda se chamaba Saraibas e que acadara un lugar de seu na música popular galega. Gravaran e pasearan polo país cancións que falaban das cousas do pobo e das inxustizas que sufría. Anos despois, esa banda xa é historia, pero un dos seus fundadores tiña corda para máis e agora lidera un novo proxecto. Quen lle ía dicir a aquel neno que hoxe escribiría unhas liñas no libreto deste primeiro álbum !
Balakandra é a consecuencia desas inquedanzas musicais que Martín Sanjurjo necesitaba levar máis aló. Seguen aí o compromiso nas letras e a querencia polo folk galego, pero agora o abano de estilos ábrese a outras latitudes. Coma compaña de viaxe, ademais dun par de ex-Saraibas, fóronse unindo músicos de diversas idades e procedencias para finalmente completar este sexteto que viaxa desde San Sadurniño. E cómpre dicir que viaxa, porque esta maquinaria navega o Atlántico até América, onde no norte bebe do bluegrass, o jazz ou o rock e baixando ao sur do reggae e os ritmos latinos. E na volta a Europa, séntese atraído polo folklore de leste. Non temades perdervos, que o temón está sempre suxeito e os pés non perden a referencia , pero … a quen non lle presta caer de cando en vez nas tentacións dos camiños menos transitados ?
Aquí tedes Balakandra, un artefacto sonoro sen medo a etiquetas e con fame de directo. O seu é un arsenal de instrumentais e cancións ben acaído para deixarse levar: letras e poemas con compromiso, un par de curiosas versións, un feixe de cordas a cargo de Martín e Manolo, os punteos roqueiros de Abel na eléctrica, os coros e a percusión de Amparo, unha base rítmica na que apoiarse con Rubén e Farru … Todo combinado sen prexuízos para non vos deixar indiferentes.”
Pepe Cunha, 2-maio-2012