nota:
Bakin Blues Band (blues) no Via Sacra Peregrina Festival
Continúa na praza da Vía Sacra o Via Sacra Peregrina Festival organizado polos tres locais que dan a este espazo emblemático: Cervantes, Albaroque e Casa das Crechas. Esta programación de xullo está patrocinada pola cervexa artesá compostelá A Peregrina e acolle mañá unha actuación da Bakin Blues Band.
Bakin Blues Band comeza a súa andaina como formación de blues no ano 2008. Integrada por catro músicos galegos de reputado prestixio, cunha longa tradición na interpretación de música negra e indubidable presenza en diversas formacións do panorama musical galego desde principios dos noventa.
Desde ese momento, iníciase unha ininterrumpida sucesión de concertos tanto nos circuítos institucionais como en locais privados. Desde as salas e clubs de Santiago de Compostela (Dado Dada Jazz Club, Sala Capitol, Auditorio de Galicia) ata ampliar o seu radio de acción progresivamente ao resto de salas de Galicia e Portugal. A día de hoxe, acolle na súa breve historia actuacións no Festival BluesnoSil (Ourense), Feito a Man (Santiago) e en salas de Madrid como Sala Moe e a sede da Sociedade de Blues de Madrid. Compartiron escenario con Marcos Coll, Xulián Freire, Bonney Fields, Tonky de la Peña, entre outros.
O que inicialmente era un cuarteto converteuse nunha auténtica banda de blues que pode presentar unha formación de septeto: Javier Turnes (Voz, guitarra); David ‘Tato’ Vázquez (guitarra); David Prieto (baixo); Ale Casquero (piano); Schilberto Carvalho (saxo); Rafa Mississippi (armónica); e Pablo Bárez (batería). Entre os músicos que compoñen a banda atopamos a recoñecidos profesores das Escolas de Jazz e Blues de Santiago de Compostela e Madrid.