Azougue “Azougue”

Febreiro 02, 2018

O azougue é outro nome para nos referir ao mercurio, que disque é un elemento “que confire ao vidro a facultade de reflectir a realidade que recibe, pois o espello non é senón un vidro azougado”. Se pensamos no musical, o Azougue que nos ocupa trata a realidade do tradicional co seu espello instrumental azougado. Ademais, ter (o) azougue é non ter acougo, non parar quieto. Coma estes tres músicos (dous galegos e un asturiano) tan salientabeis coma activos do noso panorama.

Pedro Lamas (saxo soprano e barítono, gaita, dulzaina melódica, acordina, percusións), Jacobo de Miguel (piano) e Xosé Lois Romero (percusións tradicionais) teñen sido membros ou colaboradores de tantos proxectos que darían para cadanseu feixe de liñas de currículum: Vaamonde, Lamas e Romero; Radio Cos; aCadaCanto; Aliboria; Nova Galega de Danza; Ton Risco & Jacobo de Miguel Dúo; Budiño; Leilía; Susana Seivane; Odaiko; Quique Peón & Cía; Kin García Trío … e a Orquestra de Jazz de Galicia. Coma nesta última, en Azougue a tradición folque e o jazz, canda detalles de música clásica, conviven con coñecemento, mestría e imaxinación.

Este seu disco de debut foi gravado ao vivo, en setembro de 2017 no Museo de Belas Artes da Coruña, e as súas dez melodías invitan á escoita pausada, a abrir fiestras a paisaxes sonoras desde a liberdade e a creatividade. Ademais destas composicións instrumentais propias de Lamas e De Miguel, a peza final “A vizosa, Pracibre Cecebre” contén un poema de Eduardo Pondal recitado polo Xurxo Souto. Permítaseme unha nova definición para este Azougue: bálsamo sonoro desde a tradición e o jazz contra un panorama predominante de escoitas apresuradas e centrado no máis recoñecíbel ou uniforme.

Pepe Cunha, 2-febreiro-2018

AXENDA

Facebook