Autumn Comets & Espiño (Sesión vermú)

Abril 14, 2018

nota:

PRIMEIRA VISITA DE AUTUMN COMETS E ESPIÑO A LUGO

A BANDA MADRILEÑA ESTREA DISCO EN GALICIA EN LA FERRETERÍA NUNHA SESIÓN VERMÚ O SÁBADO 14 DE ABRIL NA COMPAÑA DO COMPOSTELÁN ESPIÑO. O RESTAURANTE PAPRICA E A EMPRESA VINISSI ASINAN A SELECCIÓN GASTRONÓMICA.
ORGANIZA O EVENTO A RECIÉN CREADA ASOCIACIÓN CULTURAL LUCENSE TELE-CLUBE.

Por primeira vez en dez anos de carreira, a banda madrileña Autumn Comets ofrecerá un concerto en Lugo. O vindeiro sábado 14 de abril, o grupo presentaráse no escenario de La Ferretería, nesta ocasión en formación de quinteto, e en formato eléctrico, integrado por Julián Palomo (voz e guitarras), Emilio Lorente (guitarras), Gonzalo Bautista (teclados), Mario Pérez (baixo) e Pablo P. Campesino (batería e voces). Logo de sobrepasar o millón de escoitas en Spotify, Autumn Comets chegan á nosa cidade para presentar o seu quinto disco, Realejo, o primeiro integramente en castelán. Gravado o ano pasado nos estudos La Mina (Viva Suecia, Pony Bravo, Maika Makovski), mesturado e masterizado por Manuel Cabezalí (Havalina) e coa colaboración de Ricardo Lezón (McEnroe) en “Viernes de Dolores”, os oito temas de Realejo sintetizan a evolución constante e os gustos dispares destes músicos que comparten a paixón polo directo. Na que será a estrea galega deste traballo e unha das primeiras datas da xira de presentación, o público lugués será testemuña privilexiada da súa entrega e do seu excelente estado de forma nun contexto íntimo de aforo limitado que inclúe degustación de vermú servido pola firma de productos galegos Vinissi e de sushi elaborado polo restaurante Paprica, membro do Grupo Nove, dous establecementos da cidade que se suman a esta iniciativa singular.

Espiño é o proxecto musical en solitario de Alfonso Espiño (Contrastes, Mega Purple Sex Toy Kit, Los Chavales), compostelán de 1976 ligado ao mundo da música dende hai máis de vinte e cinco anos. Na etapa actual, aposta pola producción propia, o idioma galego, o pop de corte psiquedélico, aderezado con certas pingas de rock progresivo e un chisco de folk-rock. Na cita luguesa, o músico amosará a súa faceta máis imaxinativa nun set acústico. En 2017, publicou o seu primeiro disco en solitario, I, en que contou coas colaboracións de Álvaro Crego e de Quim Fariña, e tamén o sinxelo dixital Flores, tambores e ilusións. O paso de Espiño por multitude de festivais nos últimos meses (Felipop, Noroeste Estrella Galicia, Feito a Man, Vive Nigrán, Festival de la Luz) manifesta o interese e o apoio do público e dos programadores polo músico, quen xa se atopa traballando en novas melodías que presentará ao longo de 2018.

Este evento requintado técese con vimbios tan sinxelos como a boa música, a gastronomía de calidade e un espazo confortable. A promotora, a recén nacida Asociación Cultural Tele-Clube, que proximamente se presentará aos medios, defínese a través desta proposta exclusiva coa que aspira a inaugurar unha liña de programación cultural atraente e especial na nosa cidade.

AUTUMN COMETS & ESPIÑO
Sábado 14 de abril, 13.00H.
LA FERRETERÍA, Rúa San Froilán, 11. Lugo
Entrada: 6 euros anticipada (La Ferretería, Wegow), 8 euros en porta

AXENDA