Auto Sacramental “Diario de la plaga”

Marzo 11, 2025

Tras o proceso dilatado un par de anos nos Metropol Studios (Madrid) e o apoio de dous produtores (Fran Meneses na cara A e Adolfo Párraga na B), regresa o proxecto de Jorge Mills. O músico madrileño afincado en Galicia reafirma a súa devoción polo art-rock, a parte escura da new wave, o post-punk ou o synth pop neste seu segundo álbum. Tras o título de simboloxía relixiosa-mística do debut “Cuestión de fé” (2021), Mills refírese agora a unha plaga na que vivimos cunhas letras de descontento, frustación, malestar ou carraxe.

Se ben abre coa musicalmente máis accesíbel ou pop “Réquiem”, deseguido chega o fungueirazo synth-punk que titula o disco e no que conta coa participación de Álvaro, cantante de Biznaga. Tamén son salientábeis os froitos das outras colaboracións: Ela Rea en “Máscara / disociación”, Adrián Bremneren en “Nuevo amanecer” (única peza non composta totalmente por Mills) e Elba en “Fuego y cuarzo”. Un total de oito cancións en menos de media hora -iso si, ben intensa- a partir de loops de música electrónica experimental e tecno á que suman os outros instrumentos: guitarras, sintetizadores analóxicos, baixos, caixa de ritmos.

“Diario de la plaga” é un carga intensa de ironía, catarse, desafío, experimentación e conta con edición limitada en vinilo a cargo de Ferror Records e o deseño artístico salientábel de Un conjuro (Xulián Sambade): uns collages sobre lenzo inspirados en A Journal of the Plague Year, novela de Daniel Defoe.

Pepe Cunha. 11-marzo-2025

escóitao en bandcamp

1. Réquiem
2. Diario de la Plaga ft. Alvaro Biznaga
3. Pena
4. Máscara / disociación ft. Ela Rea
5. Nuevo amanecer ft. Adrián Bremner
6. Autopsia
7. Fuego y Cuarzo ft. Elba
8.Estigma

Facebook