Sen ser precisamente uns virtuosos instrumentistas, esta banda compostelá diferenciouse do resto das formacións galegas pola súa querencia pola tradición da música estadounidense de raíces e un textos cargados de retranca, humor e ironía apoiados en diversas referencias populares e xeracionais. Cos seus álbumes “Galicia es una mierda” e “A gran evasión” (do mellor do 2009 para esta web) tiveron certa repercusión mediática grazas a que “co bipartito había máis facilidades: os grupos galegos saían na radio, e agora a maioría dos medios non amosan interese na cultura galega…”, como eles din nunha interesante reflexión que liamos hai uns meses no seu blog.
Para este terceiro álbum (se non contamos aquel “Ed Wood …” que non fora editado fisicamente) levaron a parte técnica -gravación, mesturas e masterización- aos estudios Abrigueiro (Friol) coa implicación de Arturo Vaquero e Jahel Piñeiro aos mandos. Querían facer as cousas doutro xeito e apostaron por un disco co soul coma protagonista e nesta liña cómpre salientar os ventos de Manuel e Marcos Paino, Martiño Domínguez en temas como “Segunda División” ou “Pel de serpe”. Mais non todo é country-soul, como amosan as guitarras máis underground en “Misión de audaces”, o bailable instrumental de corte lounge “O amor en Acapulco” ou a ben acaída adaptación ao neo-folk co acordeón do rapeado da “Festa malandrómica”.
No lírico amosan uns textos máis críticos, máis reivindicativos, con referencias aos pobos oprimidos en “Once Upon A Time: a Terra Cha” e “A cabana do Tío Tom” ou á condición de estar nunha segunda división. Seguen insertando atinados diálogos de película, referencias populares (“asumen a existencia como o Celta en Segunda División”, “cando descenda o Depor todas as copas serán de cristal”, “as boleiras de Área Central”, “Veño do país de Don Pimpón, arrastrando o chándal polos campos de algodón”), poéticas (“galegos de Alabama tratade ben aos galegos”) e musicais (Supremes, Stax, “Curtis Mayfield”, Enemigos …). Así, non deixan de ser eles pero asinan unhas cancións que soan máis pop, cuns medios tempos que enganchan facilmente malia a pesadume contextual das letras.
Pepe Cunha 13-xullo-2011