A Real Academia Galega dedica o Día das Letras Galegas 2025 á poesía popular oral e faino cunha representación colectiva, similar á dos trobadores da ría de Vigo en 1998. Personifícana en Adolfina e Rosa Casás Rama, de Cerceda, Eva Castiñeira Santos, de Muxía, e Manuela Lema, Teresa García Prieto e Prudencia e Asunción Garrido Ameixenda, integrantes estas catro das Pandeireteiras de Mens (Malpica). Sobre estas últimas versan as páxinas dun libro onde tamén sabemos de Adela Rey Torrado e Teresa Lema Varela que, ao finaren hai menos de dez anos, non se mencionan formalmente na candidatura. Ademais, Teresa García Prieto tamén estivo no grupo, así como os bailadores Jesús do Redondo e Alfonso de Beán. Todo este grupo de labregas foi bautizado como As Vellas de Mens ou, aínda máis cariñosamente, “As Velliñas” dentro da Agrupación Folklórica Aturuxo, que nos anos setenta subiron aos palcos tal como eran: mulleres do rural, de idade avanzada, vestidas de negro e que gozaban de tocar a pandeireta e cantar.
Se ben a historia destas pioneiras xa a contara a musicóloga e antropóloga social Beatriz Busto Miramontes en Pandereteiras de Mens (aCentral Folque, 2021), agora recibimos o relato desde unha perspectiva menos académica ou formal, precisamente a de Manel do Aturuxo, quen nos comparte detalles, datos e anécdotas desa primeira man que agroma da convivencia de anos, actuacións e viaxes. José Manuel Fernández Pensado xa levaba tres anos en Aturuxo cando estas artistas foron descubertas para se converteren nas pioneiras da presenza das pandeireteiras nos palcos nun mundo máis de homes gaiteiros. Lemos sobre o controvertido “descubrimiento” destas tocadoras, da invitación de Manuel Cajaraville -director artístico de Aturuxo- a unirse en 1972 a esta agrupación folclórica, tras o seu debut no Teatro Colón. Entendemos como significaron o revivir da música de tradición oral e bailábel ao subiren a palcos e escenarios do país, Francia, Portugal ou América; como racharon prexuízos, mantivéronse auténticas, maiores e coas súas vestimentas negras, coa súa técnica do “puño fechado”, sen ensaiar nin atender a cánones que chegaban de contextos, digamos, burgueses. Deste xeito e grazas a facer o que lles gustaba, tocar e compartir o folclore, abandoaron puntualmente os seus quefaceres cotiáns en prol da oportunidade de viaxar, vivir e compartir experiencias. Os seus bailes e cantos aparecen no Cancioneiro popular galego e no libro Debullando folklore de Manuel Cajaraville e o seu “toque” en Os segredos da gaita de Xosé Lois Foxo.
Pois todo isto amósase nunha lectura moi recomendábel para afondarrmos no coñecemento do noso folclore e un dos seus nomes senlleiros: “As vellas de Mens”. Unhas páxinas que nos van compartindo sensacións a carón de datos e data, que amosan corazón e un feixe de cantigas, que nos contan como foi que unhas mulleres labregas xa maiores (algunha pasaba dos oitenta anos) participasen dunha agrupación folclórica durante case vinte anos e sen deixaren de ser como eran, de facer o que lles prestaba e do legado que recibiron e transmitiron. Ademais, os prólogo e epílogo sitúan ben o testemuño que nos comparte Manel de Aturuxo no seu único libro até o momento.
Pepe Cunha, 30-abril-2025