As Cantigas de Elena

Decembro 15, 2018

Das moitas melodías que lembraba e cantaba Elena Alonso Pino, “Elena de Toutón”, o seu neto Pipo Alvariño quería facer unha recompilación para que non caesen no esquecemento. O traballo debía reflectir como eran as veladas musicais coa súa avoa: voz, guitarra e acordeón. Así, el encárgase da guitarra e elixe ben as compañeiras: voz e pandeireta de María Vidal e acordeón de Myriam González.

Ao tempo, e para darlle o brillo axeitado á gravación, confía no saber técnico do seu irmán Caco Refojo nos estudios PKO e un par de colaboracións “extra”: a gaita de Pepe Vaamonde na instrumental “Xota para Elena de Toutón” e a voz de Francisco J. Feijoo “Xisco” en “As conchiñas”, todo un acerto para abrir o disco.

O traballo con estes ingredientes xustos e coidados dá coma resultado un deses discos que si acadan a esencia no que quere transmitir: un xeito de cantar e a calor da tradición. Obviamente, unha grande parte do éxito radica na interpretación de María Vidal, pero o acompañamento da guitarra e o acordeón é xusto e impecábel. Ademais, inclúe os agasallos ou “bólas extra” de seis gravacións da propia Elena de Toutón, que estes días faría os 90 anos. Emocionante.

AXENDA

22:00 h.
A Arca da Noe, Vilar de Santos.