nota:
Os Premios Martín Códax da Música botan a andar a oitava edición en 2021 co seu recoñecemento anual á produción musical galega. Tras meses de traballo e con moito entusiasmo, Músicas ao Vivo organiza unha nova edición dos galardóns nun momento difícil para a cultura, en xeral, e a música, en particular, debido á pandemia. O xoves 19 de agosto a Sala Sónar de Santiago de Compostela acolleu a presentación desta nova edición; o periodo de inscricións de proxectos musicais ábrese o 23 de agosto e os procesos de selección e votación posteriores culminarán na gala dos premios o 27 de outubro en Pontevedra. Os Premios Martín Códax da Música contan co patrocinio das Bodegas Martín Códax ademáis de co apoio do Concello de Pontevedra, anfitrión da gala, Agadic-Xunta de Galicia e Deputación de Pontevedra.
Dezasete categorías con tres finalistas cada unha, tres premios Organistrum e un galardón honorífico a toda unha traxectoria. Os Premios Martín Códax da Música establecen o mesmo número de premios que o pasado ano, porén introducen algunhas novedades vinculadas ao tempo de pandemia que estamos a vivir. É o caso dos Premios Organistrum que recoñecen salas, festivais e proxectos de comunicación musical pero que este ano só abrirán inscrición para esta última categoría. “Este ano as salas de concertos galegas permaneceron pechadas durante longos períodos de tempo, moitas aínda continúan sen abrir e algunhas mesmo pecharon definitivamente. Do mesmo xeito, a celebración dos festivais galegos viuse tamén moi afectada pola situación desencadeada pola COVID-19 e moitos deles non puideron levarse a cabo con normalidade. Non consideramos oportuno que nesta edición dos Premios Martín Códax da Música as salas e festivais sexan sometidas ao escrutinio do xurado e queremos brindarlles de xeito unánime todo o noso apoio e recoñecemento neste momento tan complexo para todos. Por iso entregarase un premio extraordinario nestas dúas categorías, outorgados directamente pola asociación do mesmo xeito que se fai anualmente co Premio Honorífico”, explicou Xiana Lastra, presidenta de Músicas ao Vivo.
Tal como lembrou Nastasia Zürcher, secretaria de Músicas ao Vivo, as dezasete categorías musicais que se premian son: Pop e Indie, Rock, Blues, Funk e Soul, Metal, Canción de Autor/a, Músicas Urbanas, Reggae, Ska e Mestizaxe, Electrónica, Música Clásica e Contemporánea, Jazz e Músicas Improvisadas, Música Tradicional, Música Folk, Músicas do Mundo, Música Infantil, Orquestras, Grupos e Música de Verbena, Coros e Grupos Vocais e Bandas de Música Popular. En total, estes galardóns botarán luz sobre 51 proxectos musicais galegos actuais e en activo, garantindo así a transcendencia mediática e o potencial tan diverso da música galega, así como a súa tradución ao mercado musical do momento, tanto o discográfico como o da música ao vivo. O 23 de agosto ábrese a inscrición libre e gratuita, que se pechará o 5 de setembro.
A deputada de Cultura da Deputación de Pontevedra, Victoria Alonso, considera unha gran fortuna para o público en xeral e os melómanos en particular a celebración duns premios “que teñen que continuar visibilizando a creación musical galega”. Jacobo Sutil, director da Agadic-Xunta de Galicia, resaltou a profesionalidade e compromiso do sector nestes tempos de incertidume e resaltou o papel das empresas no apoio á actividade cultural, como é o caso das Bodegas Martín Códax cos Premios da Música. Tamén estivo na presentación do xoves 19 na Sala Sónar a concelleira de Promoción da Cidade do Concello de Pontevedra, Anabel Gulías, que resaltou a capacidade de resistencia e resiliencia da cultura galega en tempos tan difíciles e subliñou o “orgullo” que supoñen os premios para Pontevedra.
Oito edicións dos Martín Códax
Os Premios Martín Códax da Música naceron en 2013 promovidos pola asociación Músicas ao Vivo, nun contexto que segue rebordando creatividade musical pero adoece de apoios, de recoñecemento, de visibilidade e dunha industria capaz de facer rendible o inmenso potencial deste sector estratéxico. Os principais obxectivos son recoñecer a creación, a diversidade e a calidade artística das producións musicais galegas, así como revelar novos talentos da escena musical galega e achegar a música e o seu proceso de produción ao público. Para Rosa Bugallo, asesora cultural das Bodegas Martín Códax, o apoio da empresa aos Premios da Música “é máis que un patrocinio, un sinal de identidade” e resaltou o traballo colaborativo que supoñen. Bugallo rematou a súa intervención na Sala Sónar coas palabras do músico xa finado Fran Pérez NARF: “Pase o que pase, que a música continúe”.
Como se votan os premios e os prazos
Os procesos de selección e votación dos Premios Martín Códax da Música comezan unha vez que se pecha o periodo de inscrición de proxectos a principios de setembro. A inscrición de proxectos é libre e gratuíta. Do 13 de setembro ao 2 de outubro, un xurado profesional, formado por tres representantes do ámbito da comunicación, da formación musical e da industria e dúas músicas/os, encárgase de avaliar e puntuar todos os proxectos inscritos. Do traballo do xurado sairá a listaxe de finalistas con 51 proxectos seleccionados, 3 por categoría. Serán as socias e socios de Músicas Ao Vivo quen votarán nunha segunda rolda, do 11 ao 24 de outubro, para escoller os proxectos premiados nesta oitava edición, que culminará nunha gala de entrega o 27 de outubro de 2021 no Pazo da Cultura de Pontevedra.