nota:
O gaiteiro moañés presenta ‘Vortex’, o seu cuarto disco, o vindeiro venres 21 de setembro no Teatro Rosalía da Coruña. Cociñado entre Galicia, Irlanda e Escocia, conta con colaboracións moi especiais, como Jarlath Henderson, Germán Diaz e Eoghan Neff, seguindo a liña de experimentación acústica dos seus últimos traballos, ‘Tirán’ e ‘Confuxon’.
En ‘Vortex’ podemos atopar novas composicións e arranxos sorprendentes onde Anxo unha vez máis volve a exprimir as posibilidades da gaita galega e os whistles co seu peculiar ‘freestyle’ buscando novos sons, ritmos e fusións xunto ao fantástico violinista irlandés Eoghan Neff.
Vórtex é o cuarto álbum de estudio de Anxo que ve a luz este setembro logo de presentalo en directo este verán nos mellores festivais do circuíto folk en Inglaterra, Francia, Irlanda, Bélxica, Holanda, Escocia, Italia e Sudamérica. E en setembro vén de comezar unha xira por España que o leva por Villaviciosa (1 de setembro), Toledo (15), Madrid (16), A Coruña (21), O Bierzo (22), Barcelona (28) e Bruxelas (29), ademais do William Kennedy Piping Festival (Irlanda) en novembro.
No seu novo espectáculo, Anxo Lorenzo tamén incluirá algunhas sorpresas e colaboracións destacadas en Vórtex creando un directo contundente con momentos musicais máxicos e únicos acompañado pola súa banda, que está formada por Xosé Liz (bouzuki), Roi Adrio (percusión), Jorge Juncal (teclados/baixo) e o violinista irlandés Eoghan Neff.
‘Vórtex’
O título do disco remite, en palabras do autor, a “unha transición dun mundo musical mais acústico a outro maís electrónico” no que se plasman perfectamente as inquedanzas musicais dun gaiteiro que tamén toca os whistles e quere experimentar novos horizontes fusionando a gaita galega con otras músicas e músicos do mundo.
“Penso que VORTEX reflicte moi ben o momento artístico que estou vivindo como gaiteiro, levando a gaita galega polo mundo e achegando novas composicions, novas fusións e novos arranxos de temas galegos, arroupado tamén por un dream team”.
No disco conta con colaboracións de luxo de grandes músicos que foi coñecendo nos mellores festivais folk do mundo: Jarlath Henderson, Germán Diaz, Eoghan Neff, Ross Ainslie, Ali Levack, Andy May, Pablo Lafuente ou Xabier Aburruzaga. Ademais a gravación levouse a cabo en Escocia, Irlanda e Galicia.
Traxectoria
Na súa ampla traxectoria musical como gaiteiro, Anxo Lorenzo participou en gravacións e concertos colaborando con grandes artistas e bandas folk de primeiro nivel como Kathryn Tickell, Carlos Núñez, Lúnasa, The Chieftains, Gwendal, Fred Morrison, Daimh, Michael McGoldrick, Alisdair Fraser, Celtas Cortos…. e coa súa banda ou trío subíu aos escenarios dos festivais máis importantes do mundo celta europeos como Celtic Connections, WOMAD, Lorient, Ortigueira, Cambridge Folk Festival, Labadoux, Willian Kennedy International Piping Festival, Intercéltico do Morrazo, Pardiñas, Zas, Getxo Folk ou Piping Live, conseguindo sempre boas críticas tanto do público asistente como dos artistas folk e tradicionais que acoden a estes festivais logrando conexiones musicais moi interesantes, algunhas das cales están colaborando no seu novo álbum como Jarlath Henderson, Blackie O’Connell, Ross Ainslie, Andy May, Germán Díaz ou Ali Levack, entre outros.
Ademais da súa vertente máis tradicional, artistas dos máis variados estilos musicais solicitaron a colaboración de Anxo coa gaita galega como Marta Sánchez na sintonía da Volta a España 2016, Mónica Molina, Ska-p, The National Jazz Orchestra ou Amistades Peligrosas logrando unha fusión natural da gaita galega con outros estilos musicais e abrindo novos horizontes dentro da vangarda musical como xa nos demostrou no seu primeiro álbum debut de fusión electrónica con Spiritu (986) – BMG (2000).
Vídeos:
https://youtu.be/uunBzDRwWmk (Live in Lorient 2018)
https://youtu.be/xdoAf9KBz7U (Live in BBC Escocia 2018)