Anxo Araújo “Aprender a bailar”

Xuño 14, 2024

O debut “Plan de urbanismo para un novo couto mixto” (2021), presentaba un pop de corte melódico e independente, entendendo esta cualificación como persoal, que parte da intimidade, á marxe dos cánones ou temáticas máis comúns. Naquela primeira colección de cancións predominaba unha atmosfera melancólica, introspectiva, na que Anxo Araújo semellaba expurgar emocións sombrías. Esta continuación comporta máis optimismo, ábrese máis á luz e mesmo cobran protagonismo ritmos máis bailábeis, apoiados en ventos, percusións latinas ou sintetizadores. Iso si, e aquí valoramos o artista, lonxe de tratarse de dous discos opostos, constitúen dous momentos dun mesmo creador. Quen gostemos máis dun disco ben recoñeceremos momentos salientábeis no outro.

Disto son mostras “O Bambán” cos seus ventos ou o retrouso de “Por que tivemos que discutir?” pois enganchan co indie máis melancólico do traballo anterior. Mais agora versos como “Xa non sangran as feridas desas garras que me cubrían” antóllanse ben significativos do contraste. Se antes atopabamos shooegaze, por exemplo, agora temos afro-indie, por citar dous estilos alleos aos radiofórmulas. Apreciamos tamén, ao seu xeito, achegamentos ao folk e a música tradicional en “Coplas ao desapego” ou ao reguetón (?) en “Area Maior”. “Bestiario”, “Neste preciso instante”, “Un veleno” ou “Os días felices”, que transmiten amor pola vida e mesmo animan a bailar; con certa contención, sen tolear, que xa di o título que estamos a aprender.

Anxo Araújo propón sons e versos que reivindican a felicidade, non o desenfreo, sempre con elegancia, un chisco de sofisticación na elaboración e unha discreción acorde co seu cantar honesto. Non procura esa inmediatez das cancións para festivais, senón a escoita que nos fai apreciar a sensibilidade, unha poética de seu, un brillo que reconforta pero non cega. “Aprender a bailar” é un deses traballos que deixan pegada porque son accesíbeis sen caer no obvio e sobreviven aos clixés das modas. Autoeditado e dispoñíbel en formato CD e vinilo.

Pepe Cunha, 14-xuño-2024

Escóitao no seu bandcamp

AXENDA

Facebook