Antonio Lizana Quinteto

Xullo 20, 2017

Antonio Lizana Quinteto
[xoves 20 de xullo, 21:30]
Ir á páxina do evento

As grandes autoridades do jazz e do flamenco do noso país descóbrense ante Lizana, saxofonista, cantaor e creador de cancións, que tras deixar atrás un centenar longo de actuacións da xira do seu anterior álbum, Quimeras del mar, meteuse no estudo para preparar os once temas que agora trae debaixo do brazo. É Oriente, o terceiro traballo do músico de San Fernando, un disco no que se lanza a unha ampliación do catálogo de sons que enriquecen ese jazz-flamenco que o caracteriza.

Os escenarios son o gran laboratorio de estilo de Lizana. Desde o seu debut discográfico en 2012 como Antonio Lizana con De viento, percorreu innumerables salas e festivais de jazz, ofrecendo sempre un directo que é máis que un concerto; é un espectáculo vibrante e cheo de intensidade, que oscila do solemne á festa, da meditación ao baile e de Cádiz a Nova York. O seu seguinte traballo, Quimeras del mar (2015), foi unha viaxe a través do jazz guiado pola inspiración do flamenco, un álbum que afianzou ese jazz-flamenco que el eleva á categoría de xénero. Quimeras foi a escusa perfecta para viaxar de escenario en escenario. 104 actuacións despois, Lizana despediuse da xira e ao día seguinte encerrábase no estudo para comezar a traballar neste Oriente co que agora regresa.

A Lizana saíulle un disco aberto a novos sons, un paso adiante non só no musical, senón tamén na súa implicación social. Fronteras, o tema que abre o álbum, é o mellor exemplo. “Fronteiras pintadas ao azar, o tempo as volverá borrar”, canta no refrán dunha canción con reminiscencias árabes, pero sen perder, como en ningunha das súas cancións, o selo flamenco a súa voz como cantaor nin o dominio jazz que lideran os instrumentos de vento que el interpreta.

Toda esa bagaxe pesa no cosmopolitismo de Oriente, un nome non carente de significado. Porque como na canción do mesmo título, o artista gaditano experimenta con ritmos e sons do Leste, que encaixan como unha luva na fusión dos condimentos esenciais: o flamenco e o jazz. No triángulo formado por esa canción e o seu estraño magnetismo, o jazz de Fronteras e o flamenco de Vengo perdío evoluciona un álbum que viaxa polo mundo guiado polos instrumentos que interpreta Lizana. ‘Nos quisimos así’ ou ‘Isla de los vientos’, por exemplo, militan ao lado da música nada en Estados Unidos, mentres que outras como Alegría Mari convidan ao cante, toque e baile.

En Oriente tamén crece o de San Fernando como cantante, ata o punto de que cada vez é máis difícil saber se estamos ante un saxofonista que canta ou ante un cantaor que toca o saxo. A resposta talvez téñaa o seu paisano Javier Ruibal, que sostén que Antonio é ambas as cousas a un tempo, e que as practica cunha graza e coherencia “moi difíciles de emular”.

Facebook

21:30 h.
Pub Aturuxo, Bueu.
6 / 8 €