Nesta década vizosa en novos nomes na música galega, o de Antía Muíño é dos que non fai ruído, dos que se arreda da corrente dos temazos e as présas por petalo. O seu talento e formación académica na voz, a guitarra e a composición están aí para quen se acheguen a descubrir e apreciar. O que presentou na súa “Carta Aberta“ (2022) non quedou como unha anécdota, unha aparición tímida en sociedade, senón que tivo percorrido dentro e fóra do país e gañoulle un recoñecemento calmo, continuo, atento, fronte a inmediatez e o efectismo que nos arrodean.
Ademais de cantante e autora versátil, sensíbel e impecábel na execución, neste álbum que moitas agardabamos Antía tamén é valente polo seu eclecticismo e contemporaneidade. “Anfibia por veces” podería repetir a fórmula do debut, ser máis compracente ou tópica acomodándose na súa mestría na voz e guitarra. Porén, aposta por dar un paso adiante coa coprodución do Hevi, quen gravou e mesturou nos Laboratorios Soyuz. O resultado non é un disco difícil, aínda que a súa escoita amosa desde a sinxeleza unha sonoridade rica, detallista e experimental sen estridencias.
Eis unha colección delicada e diversa de dez cancións de autoría propia (con algúns versos tradicionais) e cadansúa personalidade. O conxunto debuxa unha intérprete de ollada aberta, curiosa e que colaborou con artistas desde o folk até a electrónica pasando polo jazz (Xabier Díaz, Abe Rábade, Baiuca, Néboa, Caamaño e Ameixeiras …). E precisamente nuns tempos onde as colabos son moeda habitual e ás veces desvalorizada polo mero interese de xuntarmos seguidoras, as achegas neste álbum si exhiben todo un sentido artístico: As pandeireteiras Lilaina, compañeiras nos concertos de Baiuca, na neofolk “Augha desa fonte”; a brass-band Brassica Rapa leva a Nova Orleans o pasodoble “Amor Fugaz”; a violoncellista Margarida Mariño dálle o ar sinfónico a “Umbral”; e na chacarera “Eu Canto” Brian Aching pon a guitarra.
Ao longo do disco, Miguel Arribas (saxo, frauta e Rhodes), Ton Risco (percusuóns) e Yudit Almeyda (contrabaixo) suman para soster un nivel brillante no paseo por diferentes estilos. Cómpre salientar as pezas á guitarra delicadas e espidas como “A beleza”, “FIGA”, “Cien olivos” e “Mientras sueño y vivo” mais tamén o merecen as dunha escoita máis fácil como “Anfibia por veces” e o final jazzy de “Amodinho”. “Anfibia por veces” eleva Antía Muíño de relevación a consolidación e reafírmaa dentro da canción galega e peninsular. Combina emoción e calidade interpretativa, abanéase con solvencia por estilos diversos ou esbarrela as lindes entre a canción de autora máis íntima, as músicas de raíz, o pop, o jazz … nese devezo por consolidar unha voz e selo propios.
Pepe Cunha, 20-agosto-2026
Editado por Raso Estudio, onde podes escoitalo e mercalo no bandcamp


