Desde que editara con La Fonoteca o libro “Andrés do Barro. Saudade”, o ferrolán Fernando Fernández Rego non deixou de reivindicar e afondar na figura do seu paisano. A amizade coa filla deste, Andrea Lapique, deulle acceso a fotos, cartas, recortes que xustifican unha revisión que é máis ca iso, porque agora se fai en galego, cunha edición coidada e con novo e abondo material fotográfico e documental. Dende a visión dun fan recoñecido e documentalista solvente (“Unha Historia da música en Galicia 1952-2018”, “Suso Vaamonde. A canción libre e comprometida dun pobo”, “Anos 80. Movida, Atlantismo…”), o libro que temos nas mans resulta imprescindíbel para entendermos a vida e as circunstancias ao redor do primeiro artista icónico do pop en galego tras os pereiriños que foran poñendo Los Tamara.
Como é de agardar nunha biografía, descrébense as circunstancias familiares (Ferrol, pai na Armada Española) e, dentro destas, o choque coa decisión de se adicar á música. Compártense testemuños e análises para analizarmos a convivencia co éxito, as conviccións e dúbidas artísticas fronte as presións, exixencias e cuestionamentos non só da industria senón tamén das revistas nas que foi habitual. Tras eses anos intensos de popularidade, chegou o baleiro, o esquecemento e a reivindicación máis recente da súa figura, para o que se inclúe ao final un repaso a diversos feitos como a gala no Teatro Jofre ou o documental “O tren que me leva”, a recuperación dun disco perdido, a discografía oficial e as versións que de cancións súas se fixeron. Lembremos que ten dous discos homenaxe: “Manifesto Dobarrista” (A Regueifa-Lonxa-Falcaturada, 2007) e “Andrés do Barro. Pop, Saudade e memoria. Unha ollada desde Ferrolterra” (Ferror Records, 2021).
Aparte dese lado máis persoal, cómpre salientar o que apunta a frase do título “A xénese do pop en galego”, que non é en absoluto casual. Fernando contextualiza a figura do noso protagonista nos tempos musicais que lle tocou vivir, pois repasa as primeiras formacións da época ye-yé ou beat, a ditadura e a censura radiofónica para coas cancións en galego, catalán e éuscaro, a relación polémica ou os malentendidos co movemento Voces Ceibes, o Movemento Popular da Canción Galega … O contido do libro é tan exhaustivo e ofrece tantos argumentos e tan reveladores como cartas persoais ou o seu diario para “Mundo Joven” durante a viaxe a Arxentina e Brasil, que se perdoa que ás veces se reitere algunha información, frase ou opinión.
Tanto se reivindicas, como o biógrafo, as Letras Galegas ou a Medalla de Galicia para Andrés do Barro, como se pensas que a súa figura meramente musical non é para tanto, aquí tes unha lectura interesante e todo o necesario para coñecer con máis argumentos a figura do pioneiro do pop en galego. Un artista sinxelo a quen ninguén lle cuestionará o mérito de ser número un a nivel estatal varias veces cantando na lingua da súa terra e a súa xente durante unha ditadura que as menospreciaba. “Quizais esperaban que seguise facendo números un, pero eu non quero servir aos demais, quero seguir o meu camiño na música“.
Pepe Cunha, 26-xuño-2026


