Ana Curra defendeu El Acto con solvencia e entrega, 15-set-2012.

Setembro 15, 2012

Sexa por nostalxia, reivindicación, revisión ou falla de ideas, nos últimos anos vivimos a reunión de vellas bandas e a recuperación en concerto de álbumes enteiros. Dentro do panorama español, o 30 aniversario dun disco como “El acto” ben merecía esta recuperación e non podía ser outra que Ana Curra quen se encargase de levala a cabo dignamente. Ela era a parella sentimental e compositiva de Eduardo Benavente, alma de Parálisis Permanente e falecido tan cedo que non puido pasear o disco como merecía. Curra seguía no mundo da música como profesora de piano en conservatorio e recentemente colaborou con Digital 21, polo que se presumía que podía afrontar o reto con solvencia.

Igual que nos anteriores concertos desta xira, “Ana Curra presenta El Acto” chegou á Sala Capitol cuns músicos tan próximos e competentes como Cesar Scappa (en Escaparates canda Eduardo Benavente), José Battaglio (en Seres Vacios con Ana Curra, La Frontera ou Vengadores), Manolo UVI (La UVI ou Comando 9MM) e Rafa Le Doc (colaborador habitual da propia Curra). Na Sala Capitol e fronte a uns centos de variopintos cuarentóns, entregáronse á causa e soaron contundentes, coa única mácula dunhas guitarras que decote agochaban os teclados de Curra. As proxeccións e a iluminación sumaron na creación dunha atmosfera ben acaída co toque escuro do after-punk siniestro-gótico.

Ás cancións contidas no único longa duración de Parálisis Permanente eran interpretadas con contundencia (“El acto”, a versión dos Stooges “Quiero ser tu perro”, a do “Héroes” de Bowie, “Adictos a la lujuria”, “Jugando a las cartas”, “Tengo un pasajero”, “Vamos a jugar” …) e oron intercalanadas con algunha outra peza de Curra e Benavente como “Más”, singles tan míticos como “Quiero ser santa”, “Unidos”, “Sangre” e o excelente peche con “Autosuficiencia” e “Un día en Texas”. Xusto antes destas últimas, Ana Curra interpretou soa ao piano unha peza de Chopin en memoria de Benavente. Apenas se notou que levan poucos bolos con esta formación e a líder da banda amosou boa forma e sudou, neste caso, o coiro até rematar no chan na canción inspirada polo filme “A matanza de Texas”.

O público, desprazado non só desde diferentes puntos de Galiza senón tamén desde Portugal ou Ponferrada, quedou satisfeito con esta cita do Compostela Rock. De pouco máis dunha hora, si, pero un concerto intenso. Como proba da boa saúde interpretativa desta banda, pódense escoitar as gravacións incluídas no dobre vinilo dispoñible tras o concerto.

Pepe Cunha, 17-set-2012

AXENDA

Facebook