amparo arias

Agosto 13, 2012

O debut de Amparo Arias non se podería entender sen vencellalo ao Felipop e a Ferrolterra. Ela é “filla” do festival da asociación Felipop e, como tal, creceu entre discos clásicos de pop. Non é un caso único, pois proxectos como Los Huéspedes Felices, Todo el Largo Verano, O Neno Elliott, Roger de Flor ou Quant comparten moitos desas influencias e músicos. Probablemente foi Óscar Quant quen máis fixo para que as cancións de Amparo visen a luz neste traballo autoeditado. El leva xa anos aprendendo e traballando para diferentes proxectos no seu estudio Sausalito, onde tamén se encargou da gravación e mesturas destas once cancións. Quen escoitara o seu “Handmade, homemade” deseguido recoñecerá a súa tendencia a encher de detalles instrumentais e capas as gravacións. Non por casualidade hai quen o alcuman o Phil Spector ferrolán. No caso deste “Todo lo que no pasó”, talvez a voz principal sofre un chisco esa tendencia ao recargamento.

Cun título que denota certa nostalxia do pasado, no musical a influencia vén daqueles gloriosos finais dos 60 e principios dos 70. Principalmente, cómpre sinalar a tendencia máis acústica do pop británico ou californiano, con nomes tan referentes como Love, Honeybus, Kinks, Lovin” Spoonful, Sandy Denny … por non citar nin os de sempre nin esas xemas agochadas para deleite dos auténticos gourmets ou coleccionistas do pop. En relación con isto e esaxerando un pouco, quen nos di que esta tirada limitada a 500 exemplares podería cotizarse cos anos ?

Ademais de Amparo nas voces e guitarra e Óscar na producción e moitos instrumentos, tamén participaron persoas tan próximas como os irmáns de Amparo, Adán e Rogelio (Roger de Flor), e músicos que colaboran co segundo, como Cabe nas guitarras ou Fran Rey no piano. Cadaquén puxo detalles aquí e alá para teceren a atmosfera mellor acaída para unhas letras enchoupadas na melancolía e a nostalxia dos recordos, sensacións e momentos atrapados nunha melodía. Diso falan unhas letras en inglés (estudou Filoloxía Inglesa), castelán ou galego: das dúbidas nunha relación, do lugar de referencia (“Limodre”), de ver o tren que pasa, dalgún músico que deixou pegada no Felipop (P.F. Sloan podería ser o inspirador desa “Timeless guy” onde atopamos a guitarra de Quincho -Carrero Bianco-) ou da maxia nas mans dun artista ..

Talvez este último podería ser o pintor Leandro Lamas, autor destas portada e contraportada que non podían ser mellor acaídas. Os seus traballos transmiten ese certo ar de amateurismo, de inocencia, de agarimo dos que tamén cómpre tirar nestes tempos duros. Esperemos que esta colección de cancións non quede nunha bonita anécdota -aquí teño que citar a Claudine Longet da mítica película “The Party”- e Amparo siga facendo e interpretando cancións propias ou alleas, como a “Better than a Letter” que atinadamente lle regalou Óscar Quant. Esta pouco máis de media hora deixa con ganas de algo máis, como vela manexarse en rexistros algo máis acelerados ou luminosos.

Pepe Cunha, 14-agosto-2012

AXENDA