nota:
Amparanoia e SES, dúas mulleres con propostas musicais eclécticas e poderosas, protagonizan o primeiro avance do cartel da XV edición do Festival SonRías Baixas, que encherá de novo Bueu de festivaleiros os días 3, 4 e 5 de agosto de 2017.
A compositora granadina Amparo Sánchez recalará en Galicia co proxecto musical que a lanzou á fama, Amparanoia, e coa maleta chea de cancións fronteirizas e coloridas que forman parte da banda sonora vital de toda unha xeración.
Compartirá escenario coa bergantiñana María Xosé Silvar, SES, un auténtico fenómeno social que conquista ao público coa súa actitude rebelde e coa súa persoal mistura de música de raíz, rock, blues e canción de autor latinoamericana.
A organización do SonRías advirte que axiña dará novos nomes e recorda que as entradas están xa á venda na web sonriasbaixas.info, cun prezo especial de 22,50 € máis gastos os tres días de concertos, acampada incluída.