nota:
Amesmalúa volve a Galicia con xira debaixo do brazo logo de estrearse por primeira vez o ano pasado no Festival Sons Tránsitos. E faino cunha xira que os levará por Lugo, Ourense e rematarán nas Crechas o sábado 18, grazas ao programa Artistas en Ruta da AIE.
Amesmalúa presenta en Galicia o seu último CD, “La misma luna”: cancións tradicionais galegas en clave flamenca. Gautama del Campo e a extremeña de orixe galega Manuela Elena comezan a traballar na fusión de cantos tradicionais acompañados por ritmos e paos flamencos. Cantando na lingua da súa avoa paterna, Manuela lembra cancións populares que aínda están presentes nas festas e xuntanzas da súa aldea galega. Máis tarde, as guitarras flamencas de Juan Maya encargaranse de arroupar estes cantes engadíndolle todo o seu talento e xenialidade.
Amesmalúa é un grupo de músicos de distintas orixes que propoñen unha viaxe de encontros, unha maridaxe de memoria e paixón entre o flamenco e a canción popular galega, nunha proposta ligada ás músicas con raíz. Cun concepto claro e sumamente orixinal, lánzanse a unha sorprendente e suxestiva fusión de estilos, arraigada na canción tradicional do norte e do sur. Ademais de coplas, cantigas e adaptacións, Amesmalúa tamén creou temas propios, co sinal do seu carácter aberto, mestizo e creador.