Amancio Prada “A Rosalía de Federico” no Teatro Jofre, 24-maio-2014

Maio 27, 2014

Malia a coincidencia temporal co espectáculo mediático do chamado deporte rei, ou grazas a ela, en Ferrol un bello plan alternativo foi o elixido por un público maioritariamente feminino e maduro. O Teatro Jofre presentou unha excelente entrada para gozar dun referente na canción feita a partir de poemas. A ampla maioría da audiencia ía xa entregada, pero quen procurabamos “intrusos” un refuxio cultural acabamos tamén rendidos ante a calidade do espectáculo.

“A Rosalía de Federico” é un concerto escénico onde Amancio Prada dá un papel moi protagonista ao teatro inspirándose na visita que fixera Lorca a Galiza na procura da figura da poetisa nacional Rosalía de Castro. Sen deixar máis de dous ou tres momentos para os aplausos, en case hora e media o artista berciano interpreta sobre as táboas un fío continuo de declamación e música con poemas de Lorca e Rosalía, co recitado “a capella” de coplas populares (tanto andaluzas como galegas). Galiza é protagonista, coa emigración, a conexión co flamenco nas coplas máis populares, os lugares, a morriña, a paisaxe, as sensacións … e a reivindicación explícita de Lorca. (ver abaixo)

Prada recita, sente e canta co corazón e a alma, enchoupado en sensibilidade e delicadeza. Marca o son dos pasos, colle unha guitarra, a outra, a zanfona, déixase mecer polo acompañamento do acordeón e con sutileza vai escoando as popularísimas “Campanas de Bastabales”, Adeus ríos, adeus fontes” ou “Chove en Santiago” con outras non tan recoñecibeis como “Triste Ramón de Trasmundi”, “La guitarra” (primeira canción que compuxo co instrumento que mercou ao gañar un concurso), “Canción de cuna para Rosalía Morta”, “Pra a Habana”, “Cando era tempo de inverno”, “La gallina” … os poemas galegos que García Lorca escribira na primeira parte dos anos 30 e Prada aínda non musicara …

Tras gozar da belleza da poesía musicada nun espectáculo exquisito, o éxito a posteirori sería que o público saíse concienciado, crendo e defendendo no seu día a día esa cultura galega que desde hai décadas ten neste artista berciano de clase e elegancia maiúsculas un dos seus estandartes.

Pepe Cunha, 27-maio-2014

Lorca sobre o teatro:

«Yo no hablo esta noche como autor ni como poeta, sino como ardiente apasionado del teatro de acción social. El teatro es uno de los más expresivos y útiles instrumentos para la edificación de un país y el barómetro que marca su grandeza o su descenso. Un teatro sensible y bien orientado en todas sus ramas, desde la tragedia al vodevil, puede cambiar en pocos años la sensibilidad del pueblo; y un teatro destrozado, donde las pezuñas sustituyen a las alas, puede achabacanar y adormecer a una nación entera.

El teatro es una escuela de llanto y de risa… Un pueblo que no ayuda y no fomenta su teatro, si no está muerto, está moribundo; como el teatro que no recoge el latido social, el latido, histórico, el drama de sus gentes y el color genuino de su paisaje y de su espíritu, con risa o con lágrimas, no tiene derecho a llamarse teatro, sino sala de juego o sitio para hacer esa horrible cosa que se llama “matar el tiempo”».

AXENDA

Facebook