Aloe Blacc, un firme aspirante a clásico do soul. Ciclo Galicia Importa, 6-nov-2011

Novembro 08, 2011

Como sempre que estamos ante un concerto dominical e un artista que non soa nas radiofórmulas, existen dúbidas de que o público responda, e mais en tempos de crise. Mais quen escoitase o magnífico segundo disco de Aloe Blacc ou fose máis ou menos afeccionado á mellor tradición soul, sabía que tiña unha cita case ineludible. Tamén semellaba haber coñecedores das facetas menos soul do artista, como os seus coqueteos con artistas de hip-hop, polo que a variedade de público era notable. Así, garantiuse unha excelente entrada na cómoda Sala Capitol.

Como se agardaba polo contido de “Good Things”, Aloe Blacc veu ofrecer unha actuación ao máis puro estilo dunha estrela soul da vella escola, eses Al Green, Marvin Gaye, Stevie Wonder ou James Brown que el mesmo citou nunha das primeiras pezas que cantou. Arroupado por unha uniformada banda de músicos tamén novos, en traxes negros e camisas brancas, nas dúas primeiras pezas arrincou ao máis puro estilo entertainer, chegando a abusar dos coros e as palmas en comuñón co público. Non tivo dificultade ningunha, pois a entrega era total para co carisma que agromaba do escenario. Deseguido foi o momento de abraiar co seu innegable talento interpretativo e esa voz que soa cálida e humilde, sen “gorgoriños” innecesarios. A súa versatilidade foi brillando en pezas como “Hey Brother”, a magníica versión do “Femme Fatale” da Velvet Underground, “Green Lights”, a irresistible “I Need a Dollar”, a reivindicativa “Politician”, a balada “Mama Hold My Hand”, “You Make Me Smile” … até rematar co outro hit “Loving You Is Killing Me”.

Sempre pendente con simpatía do público, rememorou o televisivo Soul Train creando un corredor no centro da sala para que os máis animados gozasen de espazo e protagonismo para bailar. Tras apenas 1 calculada hora, chegaba o momento de agardar polos bises. Cos momentos instrumentais de rigor para abrir e pechar os dous bloques, chegaba un dos puntos álxidos da noite: unha soberbia versión do “Billie Jean” de Michael Jackson, ralentizada a ritmo de blues e jazz para rematar no éxtase do solo roqueiro do guitarrista. Non obstante, houbo tropezo ao final coa caribeña “Rico” que interpretou coa artista invitada que animou o previo e o acompañou noutra peza coa súa cocteleira de soul, ragamuffin e hip hop e que renxía co resto do repertorio.

Aloe e a súa banda puideron optar polo fácil, que sería engadir ao concerto previsibles versións de clásicos, pero preferiron alongar os temas propios até completar unha cumpridora hora e cuarto. Agora que semella centrarse no soul e un chisco de funky, cando conte con máis repertorio e complete a correcta banda cun apoio nos coros, pode ser imparable.

Agora a pola última cita do Galicia Importa deste ano, tamén soul, coa veterana Betty LaVette que probablemente fará máxica a noite do martes 8 no Teatro Rosalía de Castro na Coruña.

AXENDA

Facebook