Allova + Atención Tsunami

Agosto 30, 2019

nota:

“OLA SETEMBRO”: FESTA FIN DO CURSO 18/19

Actuacións: ALLOVA, ATENCIÓN TSUNAMI E DJ TRISTÓN

Organiza: Tele-Clube e UNED
Promove: Tele-Clube
Colabora: UNED
Datas: Venres 30/08/2019, ás 20.00 h.
Lugar: Terraza da UNED, A Tolda – Lugo (Lugo) (20:00-22:30h) e Ho! Gruf (00:00-02h)

Prezo: 10€ anticipadas (13€ en billeteira)

Tele-Clube quere despedir este segundo verán de vida con outra festa que irá máis aló do musical nunha terraza con vistas ao río, nunha contorna onde o académico e o natural van collidos da man. Celebraremos o remate do curso 2018-2019 na Universidade con dous concertos e un final de festa noutro espazo emblemático da cidade.

Onde? Na terraza sobre o río Miño da que dispón a Universidade Nacional de Educación a Distancia (UNED) na cidade de Lugo. Na nosa marabillosa Tolda, celebraremos ao solpor os concertos de Allova (A Coruña) e Atención Tsunami (Madrid): música en directo para bailar sobre o río, sen milagre de por medio, nunha festa inesquecible con dúas bandas diferentes, pero coa electrónica como fío de parentesco.

Abriránse as portas ás 20h, momento a partir do cal poderemos empezar a degustar unha bebida para acompañar as delicias culinarias que preparará o restaurante lucense “Paprica”, que unha vez máis colabora no eido gastronómico con Tele-Clube.
Allova é un proxecto musical na onda do triphop e o indie electrónico creado a cabalo entre A Coruña e Madrid, liderado por Alla Mikhaylova (cantante, pianista e compositora de orixe rusa). Logo de tocar no 17º Ribeira Sacra e na Osa de Mar e antes de actuar no Festival de La Luz, Allova actuará coa súa banda na terraza da UNED para a veciñanza lucense. Cancións nas que se mesturan o pianos con outros instrumentos acústicos e cun directo sorprendente no que cabe a improvisación a partir de loops irrepetibles nos que adiantará cancións do seu primeiro disco, que está a piques de ver a luz nestes días.

Como amamos o risco e respectamos a natureza, Tele-Clube convocamos para rebentar a improvisada pista de baile da UNED aos auténticos Atención Tsunami que, a partir das 21:30h, golpearán os nosos sentidos, eso si, coa seguridade garantida por contrato de que non van facer desbordar o Miño coa crueza do seu directo. Esta banda madrileña foi construíndo o seu propio camiño, á marxe da industria (autoeditándose en “Récords del Mundo”), e facéndose respectar, ata o punto de ser considerado o seu anterior traballo, “Silencio En La Retaguardia” como o mellor disco do ano para El Mundo e de Madrid para a Mondosonoro. Deste e do seu último disco, “Vltra” (RDM 2019), a súa máis directa e espida gravación, na que o ritmo e a palabra gañan protagonismo fronte á melodía e fuxen da comodidade do sempiterno 4/4 como estrutura habitual do rock e do pop, achegarános a banda madrileña máis a un recital de poesía que viaxa da sombra á luz por ritmos imposibles, pero tan certeiros como que a morte nos agarda, pero mellor que nos colla bailando.

E despois, recolleremos os bártulos, ataremos ben as zapatillas e subiremos á Avenida de Madrid en dirección cara ao centro histórico da cidade, ao centro musical e cultural da vila, ao local social: Ho! Gruf, en que non nos deixará un minuto de respiro o sorprendente DJ Tristón (proxecto en solitario de Ismael de The Fakes), desde Baio para o mundo, xa célebre polo seu paso por outros festivais (recén chegado de Os Eidos no Courel) en que as súas sesións pecorren por diferentes estilos dende a cumbia á ayahuasqueira, os sons africanos ou o rock cun “lixeiro toque electrónico”.

E levantaremos as mans e berraremos, bailando, felices, ao mundo “Ola setembro!”

Enlaces Tele-Clube & Uned
https://www.facebook.com/TeleClubeLugo/
https://www.instagram.com/teleclube/

Inicio


Allova
https://www.facebook.com/allovamusic/
https://allova.bandcamp.com/
Atención Tsunami
https://www.facebook.com/atencion.tsunami
https://atenciontsunami.bandcamp.com/
DJ Tristón

Facebook