Aline Frazão “Clave Bantu”

Febreiro 15, 2012

Nacida en Luanda e residente en Compostela, foi o descubrimento da edición de 2010 do festival lusófono Cantos na Maré. Até daquela souberamos que formaba con César Herranz o proxecto A Minha Embala, gañadores do concurso “Musicando a Carvalho Calero“. Agora, a súa voz doce e morna se presenta moi ben acompañada polo cubano José Manuel Díaz nos arranxos e o contrabaixo e polo galego Carlos Freire na percusión.

Este seu debut contén unha proposta que parte da música tradicional angoleña e caboverdiana pero que xa está moi enchoupada por outras influencias derivadas dunha breve pero intensa traxectoria vital e musical. Entre as máis obvias, a súa querencia pola música popular brasileira e o seu contacto con músicos curtidos no jazz, por exemplo.

“Clave Bantú” semella próximo, delicado e íntimo coma unha actuación ao vivo nun local pequeno. Mais tamén o seu carácter espido e as limitacións á guitarra caen en certa monotonía e repetición de esquemas, comprensible por tratarse dunha compositora aínda nos seus comezos. Porén, serve como boa carta de presentación para coñecer unhas composicións poéticas e comprometidas como “Assinatura de sal”, “Oriente” ou “Primeiro Mundo”. En total, son once temas gravados no estudo de Tomás Ageitos en Compostela e nos que tamén atopamos as colaboracións do trombonista portugués Rubén da Luz na mencinada “Oriente” e o guitarrista brasileiro Sergio Tánnus en “Rascunhos”. Ademais de 9 composicións propias, Aline tamén pon a música a dous fermosos textos de escritores angolanos: “O Céu da Tua Boca” (letra de José Eduardo Agualusa) e “Amanheceu” (letra de Ondjaki).

A gozar do bo deste disco e a non perder de vista, porque Aline vai dar máis de si.

Este xoves 16 presentación do disco no Teatro Principal de Compostela dentro do novo ciclo da concellaría “Íntimo&Acústico”.

Pepe Cunha, 15-febreiro-2012
Vídeo de “Assinatura de sal” en http://www.youtube.com/watch?v=JmKWrUJjxTk

AXENDA