alfredo gonzález “dudas y precipicios”

Decembro 01, 2008

Desde Asturias chega unha mostra de rock de autor ben feito, todo un alumno avantaxado de Quique González. Este seu 2º álbum é o primeiro para DFX Records e, xa que logo, cun certo apoio promocional. Pode ser pasto fácil da comparación simplista e os prexuízos, dadas as influencias claras de tanto empaque (Dylan, Cohen, Waits, o xa mencionado Quique González, Nacho Vegas…), mais como renegar de John Mellencamp ou Tom Petty por estaren influídos por Dylan? Se o que importan son as cancións, aquí hainas e moi boas. Non se trata dun disco nin orixinal nin alegre, mais si de ritmos que espertan a adrenalina, que resulta cercano e convincente, con intensa carga emocional, reflectindo esa certa complacencia de estar triste ou melancólico. Tamén meditativo, observa historias cotiás con atención e sensibilidade á hora de plasmalas en cancións que canta convincente, sen perder esa humildade do novel. A interpretación sae ben parada cunha instrumentación atinada a cada tema, como as baladas “Cicatrices de prestado” e “Según los días” ao piano, o rock de “Sigue buscando”, o son caseiro e espido de “Golfo”, os medios tempos con eses aires épicos de perdedor “El último taxi” co afín Pablo Moro ou especialmente “A borbotones”, do mellor do disco con eses latexos baixo a voz tinxida de carraspeira: “yo que robo de tu piel las coordenadas, que pongo el pecho cuando me disparan, que canto porque no sé respirar”. www.myspace.com/alfredoglez . Edita www.dfxrecords.net . Pepe Cunha 1-dec-08

AXENDA

Facebook