alfredo gonzález “dobleces”

Febreiro 06, 2012

“Pianista de título, guitarrista de adopción y escritor de servilletas por cuestiones de azar”. Así se define este rapaz de Turón (Asturias) que tan boa impresión nos causara en 2009 co seu álbum “Dudas y precipicios”. Desde entón editou un disco completo en asturiano -“La nada y tú”- e non deixou de xirar por España cun repertorio de cancións propias xa publicadas, algunha versión e novas pezas que macera diante do público. Até aquí podería ser a historia doutros cantautores, pero a súa formación coma pianista facilítalle acompañar outros colegas ou mesmo integrarse en bandas de rock. “Dobleces” é o reflexo de todos os aspectos mencionados e a feliz consecuencia da súa experiencia vital e musical. Trátase de nada menos que vinte mostras de personalidade, talento e madurez musical divididas en dous discos, un en castelán e outro en asturiano, No primeiro, letras e músicas que o propio artista pariu en Uviéu, Bogotá, Vigo, Valencia, Madrid ou Conil de La Frontera e, no segundo, textos do poeta Pablo Texón agás en “Llueve”. Ao longo dunha hora, distintos estados de ánimo (reflexivo, melancólico, intimista, extrovertido) e variedade de estilos e influencias (rock and roll, folk, balada, tintes de soul, swing); desde Van Morrison ou Tom Waits até compañeiros de xeración como Quique González e Fabián, colaboradores no disco nas notables “Wikileaks” e “Todos llevan disfraz” respectivamente. Tamén participa Hendrik Röever (DelTonos) coas guitarras e pedal steel en “Hasta las manos”, outra das moitas pezas salientables. “Dobleces” é un traballo honesto, valente, interpretado con moita solvencia e que non deixa de ser asequible para o gran público grazas ás súas estupendas cancións.
Pepe Cunha, 6-febreiro-2012

Facebook

1 day ago

Ábrete de orellas
Hoxe é o Día Internacional das persoas con discapacidade e por iso recuperamos esta canción, na que Seso Durán adaptou un conto sobre o seu fillo Manuel escrito por María José Ferrada. "O traballo pon o acento na diversidade funcional, en que sempre hai máis do que se ve a simple vista e un pequeno misterio en cada cousa."Inquedanzas Sonoras ... See MoreSee Less
Ver en Facebook