5 € / 4 € (anticipada) / 2,5 € (soci@s)
Este quinteto de jazz está formado por cinco músicos profesionais procedentes cada un deles dos máis variados estilos musicais que van dende o Blues ao Rock, do Folk ao Funk ou do Clásico ao Tango entre outros, pasando mesmo de xeito individual por máis dun destes xéneros, (o que pon de manifesto de novo que a música non coñece fronteiras e que os músicos non teñen por que pecharse nun só estilo tendo unha riqueza musical tan inmensa e extraordinaria) para rematar confluíndo dende procedencias ás veces aparentemente tan dispares, nun mesmo estilo que acabou por cruzar os seus camiños: o jazz. A música improvisada, espontánea é posiblemente o punto en común que atrae cada un dos compoñentes deste quinteto a subirse xuntos a un escenario sen telo todo previsto, sen saber con certeza que é o que vai suceder musicalmente falando e esperar que se presente ese instante máxico no que aparecen as notas desexadas en perfecta comunicación cos demais membros do grupo e gozar do inmenso pracer que supón facer música colectivamente. Cada un dos integrantes deste grupo ten unha ampla formación en conservatorios e escolas de jazz, participando en numerosos cursos, seminarios e máster classes con músicos de gran prestixio dentro do panorama do jazz nacional e internacional. Á súa vez todos e cada un deles compartiron escenario con algúns destes grandes músicos, ademais de participar en gravacións e importantes festivais internacionais dedicados ao xénero. Así mesmo, por separado foron parte ou integran na actualidade outras formación coas que cada un deles conseguiu unha longa experiencia sobre os escenarios e editou traballos discográficos. Dende hai aproximadamente un par de anos traballan xuntos na busca dun sonido,de unha voz propia que os identifique dentro do inmenso mundo da música sen deixar de estudar a tradición e de seguir escoitando os grandes mestres do pasado, do presente e do futuro, sen deixar de explorar o campo da creatividade e a innovación dende os que xorde este proxecto que deixarán rexistrado nun novo traballo discográfico a finais deste ano 2010. Oceana, 960 Lúas, Experianza, Gorm, Nexos, Gurú ou Desterrado son parte dos temas deste proxecto compostos na súa totalidade polo pianista Alberto Vilas nos que se combinan os arranxos coa improvisación e nos que a achega persoal de cada un dos membros deste quinteto é fundamental para conseguir o son particular do grupo. Nestes tempos tan complicados para a música e os músicos onde todo está dominado por un superpoderoso mercado que impón o que se ten que escoitar, estes músicos seguen defendendo facer a música que máis lles gusta, a que levan dentro, polo pracer de facela e procurando sempre a máxima calidade, intentando chegar a todo aquel que teña a posibilidade de escoitala. Con todos vostedes o Alberto Vilas Quintet!
www.myspace.com/559347359